Logística Garmou muda os seus 40 camións e máis de 4 millóns de facturación de Ribeira a Catoira

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

MARCOS CREO

A nova inquilina do polígono de SEA investirá máis dun millón de euros en concentrar as súas instalacións en solo vikingo e mellorar o seu servizo a clientes coma Stellantis ou Frinsa

02 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Afeita desde hai décadas ás novas funestas a nivel empresarial, a chegada a Catoira de Logística Garmou resulta un motivo de esperanza. Non só por avanzar na activación dun polígono, o de SEA, practicamente baleiro durante tanto tempo. A firma a semana pasada dun contrato de alugueiro de terreo con opción de compra asenta na vila vikinga unha empresa en forte crecemento, cunha frota de 40 camións e máis de 60 remolques, medio cento de empregados e unha facturación no 2023 superior aos 4 millóns de euros, segundo a propia compañía. Un negocio que, explica o seu fundador e propietario, José Francisco García Lampón, centrará todas as súas instalacións en Catoira en canto rematen as obras correspondentes, clausurando as súas actuais dependencias centrais en Ribeira e deixando a pequena nave de almacenamento en Padrón coa que opera en réxime de alugueiro.

García Lampón, coñecido no sector como Kiko García, encontrou na localidade do Baixo Ulla o punto de apoio que buscaba de cara a avanzar no novo gran salto que, di, lle piden os seus clientes tras 20 anos no sector —en maio cumprirá os 21—. Unha mudanza obrigada, afirma, porque «non hai solo industrial en todo Barbanza. Buscando polígonos, vin que o máis próximo e que mellor me cadraba era o de Catoira».

Tres son as liñas de negocio de Logística Garmou. A principal ata hoxe, o transporte en camións lona de 24 a 26 toneladas de capacidade. «Movemos conserva, compoñentes para a automoción, leite, bobinas de papel, madeira, aluminio. Pero principalmente, pezas para coches», conta Kiko García, que engade: «Levamos 17 anos traballando indirectamente para Stellantis». Frinsa e Papelera de Brandia son os seus dous clientes directos principais.

Rutas a Madrid e Francia

A compañía dispón de rutas a Madrid e a calquera punto de Francia. «Ofrecemos a posibilidade de cargar un tráiler enteiro ás oito da tarde e que chegue a Madrid antes das oito da mañá», sinala o dono de Logística Garmou, que fai fincapé en que «as nosas rutas son como un autobús: ida e volta, ida e volta; levamos mercancía e á volta traemos mercancía», optimizando deste xeito os custes e o rendemento económico da actividade.

Ademais, a compañía dispón de dúas góndolas, vehículos especializados que desprega por toda Europa na recuperación de camións avariados.

Catro anos pasou no seu momento García traballando de condutor en Madrid para, cos aforros reunidos e a axuda familiar, poder comprar o seu primeiro camión e «botar para adiante» de volta en Ribeira. «Empecei de cero», recorda. Tamén, que «sempre fomos crecendo, progresivamente», ata que hai uns dez anos a demanda da súa clientela accionou o mecanismo de aceleración do negocio, requirindo un aumento cada vez maior do investimento co que facer medrar a empresa.

Nesa liña enmárcase a terceira vía de negocio de Logística Garmou, a almacenaxe, auténtica razón do paso que acaba de dar a compañía do ribeirense Kiko García coa sinatura do acordo de alugueiro con opción de compra de 5.500 metros cadrados no polígono de SEA en Catoira. «Os últimos dez anos empezamos a crecer forte e fomos comprando máis camións. O que nos faltaba agora eran unhas boas instalacións nas que dispoñer dunha gran zona de almacenaxe para os clientes que precisan que lles gardemos produto ata que pechan a súa venda». E a iso dedicará o groso das súas futuras instalacións en Catoira, «onde centralizaremos todo» co traslado completo desde Ribeira e Padrón, apunta Kiko García.

Algo máis dun millón de euros. Ese será o investimento de Logística Garmou na construción da súa nave de almacenaxe, as oficinas do negocio e unha nave auxiliar para recambios no polígono de Catoira, onde o seu propietario asegura «imos estar traballando moito antes de que acabe o 2024». A súa confianza no potencial de crecemento da liña de almacenaxe é tal, que García xa fala de ir máis aló: «Penso que imos aumentar en 3.000 metros cadrados máis» os 5.500 iniciais.

«Pagamos case 20.000 euros pola rodaxe en Ribeira, que agora aboaremos en Catoira»

A Kiko García a idea de mudar de instalacións infundíalle respecto porque, ao contrario cas sucesivas compras de vehículos, un campo que coñece ao detalle, en asuntos de solo industrial e de naves «non era experto». Unha vez tomada a decisión, o dono de Logística Garmou vai con todo: «Imos centrar todo en Catoira e levar aí o domicilio da empresa», con todo o que iso supón para o seu novo municipio. Empezando polo imposto de rodaxe da frota de 40 camións da firma. «En Ribeira pagamos case 20.000 euros ao ano que agora imos aboar en Catoira». A intención de Kiko García é reunirse co alcalde vikingo para explicarlle o seu proxecto.