O PP acusa a Xan Castaño de poñer en risco a axuda para rehabilitar as Torres de Oeste
CATOIRA
Atribúen a reforma do proxecto inicial a «cuestións sectarias e ideolóxicas»
16 nov 2024 . Actualizado a las 17:55 h.O alcalde de Catoira anunciaba hai unha semana un novo proxecto para rehabilitar e mellorar o entorno das Torres de Oeste e o grupo municipal de PP alerta de que está poñendo «en serio risco a achega de 300.000 euros da Xunta para a rehabilitación das Torres do Oeste e da súa contorna coa súa decisión de renunciar ao proxecto orixinal de intervención para introducir cambios e, paralelamente, producir un adiamento que provoque o incumprimento dos prazos de execución». A voceira municipal, Estefanía Frieiro, considera que o BNG pretende desbotar a actuación só porque foi deseñada polo PP no anterior mandato e cre que ao alcalde móveno «cuestións sectarias e ideolóxicas e en base ás súas habituais ocorrencias».
A concelleira cualifica os argumentos esgrimidos polo rexedor para modificar o proxecto de «peregrinos» e «surrealistas» e defende que o proxecto de mellora elaborado polo PP «estaba moi ben deseñado e por iso foi seleccionado por Turismo de Galicia para recibir 300.000 euros ao abeiro do Plan Xacobeo Next Generation para Bens de Interese Cultural».