Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Descobren nas Torres de Oeste unha moeda francesa da época do arcebispo Xelmírez

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

CEDIDA

A peza, un denario de cobre e de prata, foi acuñada en Angers no século XI ou no XII e será, esta fin de semana, a estrela dun punto de promoción do Concello de Catoira no Culturgal cheo de reclamos da súa ligazón cos viquingos

28 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O avance no coñecemento da Historia está cheo de grandes e de pequenos achados froito de anos de estudo e de traballo de campo dos estudosos na materia. Tamén de descubrimentos accidentais, que axudan da maneira máis inesperada a saber máis do noso pasado ou a abrir novos interrogantes. Este último é o caso da moeda que, haberá menos de dous anos, se atopou de maneira casual na contorna da Capela de Santiago no recinto das Torres de Oeste de Catoira. Unha peza que, informan desde o departamento de Cultura do Concello, se correspondería á época viquinga e á vida de Diego Xelmírez (1068-1140), nado no antigo recinto amurallado aos pés da desembocadura do río Ulla e convertido en persoeiro da Historia na súa condición de primeiro arcebispo de Santiago de Compostela.

Acuñada en Angers, Francia, nalgún momento entre os anos 1068 e 1109, os estudos realizados ata o momento non permiten determinar en que momento chegou a moeda, un denario composto de cobre e de prata, a Catoira, en parte debido ao seu estado de conservación, con abrasións, deformación parcial e unha perda acusada da lectura das súas inscricións. Si se pode ler no seu anverso o texto Fvlco Comes, Folques conde traducido do francés, acompañado do gravado dunha cruz con alfa e omega. No reverso aparece inscrito Andegavensis, isto é Vila d'Angers, acompañado cun monograma de Foulques.

Neste estado, e ante a falta de contexto, desde o departamento de Cultura do Concello de Catoira apúntase a existencia de diversas hipóteses sobre a orixe da moeda, desde a súa chegada a través das rutas comerciais polo río Ulla na Idade Media ou do Camiño de Santiago, a ser testemuño dalgunha das viaxes emprendidas por Diego Xelmírez a Roma ou á Abadía de Cluny.

O Concello de Catoira encargoulle unha réplica da peza a Ana González, guía no Centro de Activación Cultural das Torres de Oeste (CACTO) e restauradora de bens culturais. A súa recreación en cerámica e nun tamaño moito maior ao real para poder amosar con facilidade a simboloxía gravada nas dúas caras da moeda será exposta desde este venres ata o domingo no Culturgal, no punto de información e de divulgación co que a Administración local catoirense acudirá por segunda edición consecutiva á Feira das Culturas Galegas, en Pontevedra.

A información dispoñible ata hoxe sobre a peza, recollida na presente noticia, será compartida ao público nun panel explicativo que, unha vez rematado o Culturgal, será levado ao CACTO para ingresar na súa exposición permanente. A casa consistorial de Catoira disporá dunha segunda réplica da moeda do comezo da Baixa Idade Media.

O Concello de Catoira amosará o seu potente pasado e presente viquingo no escaparate do Culturgal

Cun punto de información e de divulgación da creatividade dos artistas locais e da actividade cultural municipal o dobre de grande có ano anterior. O Concello de Catoira pretende aproveitar esta semana o Culturgal como un escaparate do seu potente patrimonio na materia, co pasado e presente da súa historia viquinga coma eixo aglutinador. E desde puntos de vista do máis diferentes.

Máis aló da moeda medieval, convertida en reclamo principal pola mestura do seu valor histórico e a súa novidade, o local de Catoira no Pazo da Cultura de Pontevedra destacará a pertenza da localidade ao Itinerario Cultural Follow the Vikings, e amosará a contribución da empresa chinesa IGG á Romaría Vikinga a raíz da creación e do lanzamento do videoxogo Viking Rise, que se poderá descargar cun código QR para xogar a el na feira pontevedresa.

Durante os tres días do Culturgal haberá dramatizacións e recreacións de escenas da vida diaria de personaxes viquingos, ataviados co vestiario confeccionado pola catoirense Bety Busto, e un desfile de seis traxes do antigo pobo nórdico con encaixe de Camariñas e adobíos da ceramista Mar Barral (venres, 19 horas). Unha charla sobre os petróglifos de Catoira, algúns atopados en datas recentes e inda sen catalogar (sábado, 16 h.) ou un obradoiro infantil para nenos de 8 a 12 anos para aprender restauración de cores (domingo, 17.30 h.) son outras das propostas de Catoira no Culturgal.