Catoira estuda crear unha ruta de sendeirismo cos santuarios prehistóricos e os seus petróglifos

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

CEDIDA

O municipio arousán presentou a súa potente proposta patrimonial no Culturgal de Pontevedra

01 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Catoira aproveitou a súa presenza no Culturgal para dar a coñecer dous santuarios prehistóricos e varios petróglifos atopados no último ano e medio nos montes do municipio. Fíxoo coa charla da divulgadora e estudosa Cristina Conde Escaloni, quen participou na descuberta das pedras gravadas ata agora descoñecidas. O goberno local agarda que Patrimonio catalogue estes restos arqueolóxicos e estuda crear unha ruta de sendeirismo para dalos a coñecer.

Conde Escaloni explica que ela mesma participou na busca dos novos petróglifos ca axuda de Francisco Ameixeiras. Ambos estaban convencidos de que se había laxes gravadas en Caldas e Vilagarcía tamén tiña que habelas en Catoira posto que o Monte Xiabre é un grande santuario. «En setembro de 2023 fixérase un informe para a segunda ampliación do parque eólico do Xiabre e estrañounos moito que onde ían poñer os eólicos en Catoira constataran que non había ningún gravado. », dixo.

Un dos achados é o santuario rupestre Campo da Abroteira, que ten unha grande pía na pedra onde se cre que había o rito de purificarse, semellante ao dos peregrinos que ían a Santiago e se purificaban e limpaban antes de chegar á catedral. O santuario ten tamén círculos concéntricos cun radial, reticulares e coviñas.

A uns 300 metro está o santuario de Outeiro da Hedra de Arriba, no que hai un panel de petróglifos «impresionante» que se descubriu logo do achado de Ismael Fontán en 2015 dun círculo concéntrico con coviña. «En Catoira a veciñanza pensaban que só había o petróglifo Pedra Minas, pero agora cos santuarios e con outros petróglifos catalogados anteriormente entramos pola porta grande e con forza».

Nestes momentos o acceso aos petróglifos recentemente descubertos aínda non é fácil. Hai que ir por unha pista asfaltada e despois por outra sen asfaltar e subir andando.