Testemuños da xente maior de Catoira serán o fermento dunha obra de teatro
CATOIRA

Catro dramaturgas escoitarán a veciños da localidade durante catro días para recompilar o material co que escribir un texto arredor da alimentación no rural
24 ago 2025 . Actualizado a las 20:25 h.Catro dramaturgas galegas, Loaira Lázare, Cavadas, María Espasandín e Areta Bolado, experimentan desde hoxe e ata o día 28 en Catoira unha singular residencia artística. Da man da Concellería de Cultura do municipio vikingo que dirixe Raúl Gómez, as autoras recollerán no Auditorio local os testemuños de xente maior da localidade sobre a evolución do coñecemento da veciñanza arredor das colleitas e dos cultivos para poder alimentarse. A finalidade deste traballo de campo, dispor do fermento co que cociñar un espectáculo teatral, As devoracións, que se sustentará sobre o material escoitado e gravado nestes días.
As catro coautoras da iniciativa reuniránse con persoas que participan nas actividades de envellecemento activo no CEMUMA e nas parroquias de Abalo, de Dimo e de Oeste, recollendo delas a tradición oral e os coñecementos na materia, desde léxico sobre alimentación, colleitas, cultivos, receitas ou coplas que sirvan de substrato co que redactar o texto e elaborar a montaxe teatral.
Loaira Lázare, unha das promotoras das Devoracións, explica que o que pretenden é dar lugar a unha reflexión sobre a alimentación e a relación que as persoas teñen coa natureza para alimentarse. «A nosa idea xurdiu dunha tortilla de patacas. Preguntámonos se sabemos plantar unha pataca (...) No meu caso, a miña avoa sabía, a miña nai pode que si, e eu non teño nin idea. Con este exemplo da pataca reflexionamos sobre o coñecemento que se perdeu en apenas dúas xeracións», comenta, para engadir: «A intención é evidenciar que co paso do tempo foron perdéndose moitas cousas», e poñer de manifesto cuestións como de que nos alimentariamos se houbese que limitarse a comer o que se puidera obter a menos de 15 minutos de cada fogar.
As catro dramaturgas confían en ter o texto teatral no prazo dun ano, agradecéndolle ao Concello de Catoira a súa colaboración. Foi iso, xunto as características rurais e os vínculos persoais coa localidade, o que levou as promotoras a apostar por Catoira.