Isa Risco e petiscos en Catoira polas persoas da terceira idade

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Martina Miser

O Concello prepara o domingo unha xornada coa que homenaxear aos seus veciños con máis primaveras ás súas costas

01 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

 O Concello de Catoira prepara este domingo, aproveitando o Día Internacional das Persoas de Idade, fixado pola ONU o día 1 de outubro, unha xornada coa que conmemorar aos seus veciños de máis de 65 anos.

As celebracións levaranse a cabo no edificio multiusos a partir das seis e media da tarde e incluirán a representación da obra Bravas, da dramaturga Isa Risco, e un petisco para os máis maiores.

A entrada na peza será aberta a todo o público e de balde ata completar capacidade, sen necesidade de inscrición. A merenda, en cambio, será un evento reservado para as persoas que superen os 65 anos, principalmente para os membros do Cemuma e das parroquias.

O goberno liderado por Xoán Castaño asegura que se trata dunha xornada «para poñer en valor a sabedoría dos homenaxeados e agradecer a súa contribución á sociedade na consecución de dereitos, democracia e benestar».