Catoira adereza con contos e música a súa tradicional Procesión das Caveiras

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MONICA IRAGO

11 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Catoira ten esta fin de semana unha cita coa lingua: hoxe proxectarase no auditorio As Neves dentro do ciclo de cine en galego; e mañá haberá diversas accións enmarcadas no programa Re-galeguízate, como o teatro infantil de Migallas (12.30 horas), o Made in Galiza de Sarabela Teatro (18.30 horas) e o coloquio entre Séchu Sende e Sara Seco (19.45 horas).

Pero despois desta fin de semana, o outono cultural segue cargado de eventos. Así, o domingo 19 chegará á vila viquinga Pum! Pum! Quen hai?, unha obra de teatro familiar a cargo de Ártika Cía, e o venres 24 a cita será co cine clube que se vén de crear na localidade. Chegamos deste xeito ao venres 31, cando se celebrará en Catoira un dos seus eventos festivos máis característicos, co permiso da Romaría Vikinga: a Procesión das Caveiras, enmarcada na tradición da celebración dos Defuntos. Desta volta, o programa da xornada iniciase ás doce da mañá cos contos de Cristina Collazo e Procúra-se Pepa a Loba. Pola tardiña, a procesión estará animada pola escola de teatro e a banda de música, e tralo remate do particular desfile, que arrincará ás sete da tarde, chegará a quenda da Peque Disco Moc Moc. A partir de aí arrinca novembre, que chega con oito actividades en cartel, entre elas a presenza do talento da vila no Culturgal.