Os alumnos do instituto de Meaño coñecen os perigos da herba da pampa

La Voz MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

MARTINA MISER

A asociación Galicia Ambiental ofreceu unha charla no centro

20 mar 2024 . Actualizado a las 12:10 h.

A campaña de educación ambiental do programa europeo Life Coop Cortadeira chegou este mércores ao instituto de Meaño da man da Asociación Galicia Ambiental. Nesta acción, mostráronse aos cativos os perigos das especies invasoras, como a herba da pampa, tanto para o territorio como para as persoas. As actividades contaron cun material formativo baseado nun cómic de Os Bolechas e estiveron dirixidas a 44 estudantes de primeiro da ESO.

No cómic de Pepe Carreiro reflíctese a historia da herba da pampa en Galicia, as súas consecuencias ambientais e a actitude que a cidadanía debe ter ante esta problemática crecente. «Con isto búscase, dunha forma entretida, que os nenos poidan entender mellor a situación das especies invasoras, que sexan conscientes do perigo que conlevan e que saiban como actuar», segundo explica a Asociación Galicia Ambiental.

O programa europeo aséntase en Galicia en tres piares: divulgación entre o público escolar, accións extractivas de planta para evitar a súa expansión ao interior de Galicia e xornadas de voluntariado no ámbito municipal en áreas afectadas pola planta.

 

O cómic está dispoñible tanto en formato físico como en soporte dixital a través da web de Galicia Ambiental e os centros educativos poderán solicitar unha charla ou obradoiros, que se imparten de xeito gratuíto, a través da propia asociación.

Cun orzamento total de 6,3 millóns de euros, a Asociación Galicia Ambiental pretende executar un investimento próximo aos 400.000 euros, dos que 187.528 serán achegados pola Unión Europea entre outubro de 2023 e febreiro de 2028. O proxecto presentado pola organización ambientalista galega supoñerá a creación dunha decena de postos de traballo, priorizándose a incorporación de colectivos de difícil inserción ao comprado laboral.

«O principal obxectivo sitúase agora en mellorar a metodoloxía de control e xestión desta especie invasora dentro do territorio galego xerando un ‘territorio barreira’ para a protección das zonas de interior, onde se buscará a súa erradicación».