Laura Miniño e Eli Méndez encabezaron a faceta goleadora ante un feble Juventud: 22-43
04 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Non cabía a menor dúbida de que o que lle esperaba ao Inelsa Solar Asmubal Meaño o pasado sábado na cancha do pechacancelas do Grupo A da División de Honor Plata Femenina era unha cómoda vitoria. E así foi, o equipo que dirixe Juan Manuel Costas non tivo piedade dun Juventud Las Palmas ao que lle endosou un 22-43.
A condición de trámite do partido permitiulle ao técnico galego darlles minutos ás trece balonmanistas coas que se desprazou, con Eli Méndez e con Laura Miniño sumando 8 goles cada unha.
Entre as ausentes na expedición, Andrea Cores. A canterana, de 24 anos, vén de ter que pechar a súa segunda etapa no Asmubal por incompatibilidade co seu posto de traballo. O seu oco será cuberto en principio pola xuvenil Ángela, á que Costas tentará irlle dando minutos na procura dun recambio para a súa agora única extremo esquerdo, María Currás.
A tiro do liderado
O Asmubal aproveitará esta semana o seu segundo desprazamento consecutivo ás Canarias para xogar cos outros dous conxuntos das illas, o venres co Romade e o sábado co Rocasa Gran Canaria B. A derrota ante a Cañiza, 31-32, do Gijón, que descansa esta semana, ponlle o liderado a tiro ao cadro meañés.