Dena contará cunha nova senda peonil

La Voz MEAÑO

MEAÑO

A obra custa preto dun millón de euros dos cales 700.000 corresponden a unha achega da Deputación

05 jun 2025 . Actualizado a las 10:45 h.

Dena contará cun novo espazo para pasear con vistas á ría. Será posible grazas ao convenio firmado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Meaño para a mellora da mobilidade peonil desde Ponte Dena ata o bordo costeiro. O organismo provincial achega 700.000 euros a un proxecto valorado en preto dun millón de euros. 

O proxecto contempla a reforma da mobilidade entre o núcleo urbano de Ponte Dena e a costa para que dispoña dunha alta seguridade peonil e a garantía de acceso amable para a poboación. As accións que se levarán a cabo son a reordenación de espazos coa creación dunha nova senda peonil dun ancho mínimo de 2,50 metros e zonas de convivencia onde non sexa posible, a reordenación do tráfico rodado e a incorporación de elementos de calmado do tráfico. Así mesmo, prevese a instalación de nova sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito, renovación da rede de alumeado con luminarias led e novo mobiliario, como bancos, fontes, aparcabicicletas e arborado, segundo informa a Deputación.

A colaboración da Deputación co Concello de Meaño non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 1,38 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, engaden desde a institución provincial.