O «Atardecer Solidario» da Quinta de San Amaro recibiu o premio da Ruada das Gotas

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

MEAÑO

A xornada en favor do colectivo LGTBIQ+ acompletouse cun xantar, música e bo humor

22 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O «Atardecer Solidario» que se celebra desde hai dez anos na Quinta de San Amaro (Meaño) levou onte o premio Os ovos dourados que vén de instaurar a asociación Gotas dentro da programación Ruada das Gotas que organiza en Ribadumia coincidindo co mes do Orgullo.

Con este galardón queren recoñecer «a valentía e o compromiso» de quen contribúe a que na comarca do Salnés «se poida vivir a diversidade con orgullo e en liberdade, sen necesidade de ter que ir ás grandes cidades para poder ser quen queres ser», segundo explican desde a organización.

O premio chega para quedarse. A asociación quere que se instaure como un símbolo da loita pola diversidade nesta cita anual en Ribadumia na que se busca dar visibilidade e reivindicar ao colectivo LGTBIQ+ na comarca do Salnés.

A Ruada das Gotas viviu onte o seu día grande coa lectura dun manifesto, visitas institucionais, un xantar, un espectáculo de cabaré e música ata a noite da man, entre outros, de Guadi Galego. Hoxe remata cun concurso de tortillas.