
O Grupo América e a banda do concello serán algúns dos encargados de amenizar a edición número 24 da festa local
08 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un ano máis o Concello de Meaño celebrará a Festa do Viño. Este 2025 terá lugar a edición número 24 do evento e desenvolverase na fin de semana, dende o venres 18 ata o domingo 20 de xullo.
O líquido protagonista poderá ser probado na praza do Concello, onde é habitual, e estará acompañado dunha zona gastronómica e varios concertos.
O venres 18 ás oito da tarde procederase á apertura dos postos de viño, seguida dun concerto da Banda Unión Musical de Meaño (BUMM). Nesta actuación os rapaces tocarán ata doce cancións de Juan Pardo acompañados por Lys Pardo, filla do artista, e por Antonio Barros, un cantante moi coñecido en Galicia e có que a banda xa actuou o ano pasado. O punto final poñerao a Orquestra Players e o discjockey, xa coñecido na zona, Paco Vulkano.
Unha festa repleta de música
O sábado a festa comezará as doce do medio día e pola tarde será a Charanga O.T. a encargada de amenizar o evento, seguido dun concerto do grupo de música tradicional galega A Roda. Ás once serán La Oca Band e o discjockey Quico os que se encarguen de rematar o día polo alto.
O domingo é cando se producirán os eventos fortes da Festa do Viño de Meaño. Ás 11.00 horas celebrarase a cuarta edición do nomeamento dos novos cabaleiros e damas, que estará seguido do desfile de autoridades, bodegueiros e cofradías. Sairá do Pazo de Lis e rematará na praza do Concello, onde os Amigos do Acordeón das Rías Baixas darán un concerto. Pola noite o colofón final estará a cargo da charanga Alambique e do grupo América.