Ti tamén es Paco & Lola!

Consello reitor da Cooperativa Vitivinícola Arousana Paco & Lola MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

CEDIDA

Diante do vixésimo aniversario dun proxecto e un sentimento compartidos

22 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, mentres nos preparamos para celebrar a gran festa do noso vixésimo aniversario cos nosos socios e familias, o corazón bátenos con máis forza que nunca. Non é só pola música ou o reencontro; nin sequera é só polo brillo do trofeo ao Mellor Produtor de Viño Branco do Mundo 2025 (IWSC) que trouxemos de Londres. O que verdadeiramente nos desbordou foi a inmensa vaga de cariño recibida estes días. Sentir como tanta xente, estivese onde estivese, facía seu este triunfo, fíxonos entender a dimensión real do que somos e como Paco & Lola transcende máis alá destas catro paredes para converterse nun sentimento compartido. Por iso, aínda que hoxe sexa o noso día, non queremos falar de nós. Queremos falar de ti.

Nestes días demos as grazas aos nosos distribuidores e importadores, esa voz incansable en máis de corenta países; e tamén aos nosos provedores, dende o que nos trae o vidro ata o que lle arranxa o tractor a unha das nosas familias. Pero aínda quedabas ti.

Ti tamén es Paco & Lola.

Ti, hostaleiro, camareiro ou sumiller, que nos coidas a pé de barra e nos defendes mesa a mesa. Ti, que serves o noso traballo á temperatura perfecta e o recomendas cun sorriso, converténdote no noso cómplice e no noso mellor embaixador.

Tamén ti: cliente, amigo, prima, exprofesor, panadeiro, etc.; ti que nos elixes para celebrar os grandes fitos da vida, pero tamén para acompañarte nunha cea tranquila un martes calquera. Ti, que nos fas a mellor publicidade do mundo sen pedir nada a cambio, falando de nós aos teus amigos só porque nos queres. Ti, que cando estás lonxe da terra e ves os nosos lunares nun estante, sentes unha alegría inmensa e un chisco de fogar. Ti, que nos levaches a casa un día por probar e xa nunca nos abandonaches, facéndonos un máis da túa familia.

Ti, que sentes este premio como algo tan teu coma noso e o celebras con orgullo, coma se foses un socio máis desta cooperativa. Ti, que nos regalas, que nos compartes e que hoxe, dende a distancia, sénteste tan feliz coma se estiveses aquí mesmo, brindando ao noso lado.

tamén ti, que quizais algunha vez nos criticaches. Grazas. Porque a túa crítica e a túa esixencia fixéronnos máis fortes, máis humildes e obrigáronnos a non conformarnos nunca, a innovar e a buscar a perfección en cada detalle. Ti tamén es parte deste éxito.

Este premio é o aplauso a unha forma de entender a vida. Aprendemos que a excelencia non é un acto solitario e este triunfo sería imposible sen ti. Para acadar un galardón deste tipo é necesaria a suma de moitas mans, e as túas son unhas delas. Demostramos que, dende unha pequena aldea de Galicia, podemos mirar aos ollos aos xigantes do mundo se todos traballamos con corazón, tradición, innovación e orgullo de orixe.

Pero hoxe, entre a alegría do reencontro e a música desta festa, o noso recordo máis fondo é para os que non están. Para cada compañeiro e compañeira que iniciou este camiño ou traballou a terra ao noso lado e que hoxe nos falta. A súa memoria é a raíz que nos sostén e este premio, alá onde estean, leva o seu nome gravado.

Así que, por favor, únete a nós neste brinde: por eles, que nos guiaron ata aquí; por nós, as familias socias e traballadores que seguimos o legado; e por ti, cliente e amigo, que dás sentido a todo isto. Grazas por ser, estar e sentir Paco & Lola. Feliz 20 aniversario. Porque hoxe máis que nunca: ti tamén es Paco & Lola!