Desenterrando o galego nos cemiterios: do clásico «Sempre con nós» ao «Aquí estou» na tumba de Carme do Toco

Bea Costa
bea costa MEIS / LA VOZ

MEIS

Mónica Irago

Meis descubriu unha placa na que se reivindica o idioma: «A situación do galego pode visibilizarse no ámbito funerario como en calquera outro», di a profesora Ana Vázquez

11 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ana Vázquez súmase a Marinha Area a Patricia Sóñora e a outras persoas que están a colaborar nun proxecto sobre o uso do galego no ámbito funerario en Galicia. Todo xurdiu en 1997 no instituto Perdouro de Burela onde puxeron en marcha unha iniciativa que abriu un camiño que está gañando quilómetros cada ano. Un novo exemplo viviuse onte no cemiterio de San Martiño de Meis, onde colocaron unha placa na que se le «Palabra e memoria. A lingua e parte do noso legado. Na memoria das persoas que a manteñen viva, onte hoxe e sempre».

Con esta filosofía empezou Ana Vázquez o pasado outubro a percorrer os cemiterios de Ribadumia —ela naceu na parroquia de Lois—, seguiu polos de Meis e ten na axenda outros en Boiro e en Portas. De momento xa deixou  pegada con sendas exposicións en Ribadumia e Meis nas que achegou ao gran público un legado que pasa desapercibido para moito; onte inaugurouse unha mostra no centro social de San Martiño que o vindeiro 17 de maio trasladarase á Casa de Parga co gallo da Romaría das Letras Galega que organiza o Concello.

En Meis hai 47 inscricións funerarias en galego repartidas en 33 panteóns: dez en San Martiño, 7 en Paradela, 5 en San Lourenzo, 5 en San Salvador, 4 en Santo Tomé, 1 en Armenteira e outra en San Vicente, segundo os datos que manexa Ana Vázquez. No seus traballo de campo polos camposantos atopou, maioritariamente, mensaxes de lembranza e cariño aos defuntos como por exemplo «Imposible esquecerte» ou «Sempre con nós», aínda que, con ser minoría, tamén dou con citas literarias nas lapidas como é o caso duns versos de Ramón Cabanillas nunha sepultura de Meis. Postos a elixir algunha, Ana Vázquez quédase coa de Carme do Toco que recibe a quen se achega ao cemiterio de Santa Baia de Ribadumia cun «Aquí estou». A r etranca tamén está nos epitafios e outras moitas referencias á identidade galega.

Conta Ana Vázquez que hai quen rexeita este tipo de pescudas nos camposantos. «Hai un tabú arredor da morte que eu non comparto. A situación do galego pode visibilizarse neste ámbito como en calquera outro, sempre que a familia o autorice, por suposto», indica esta profesora de galego que imparte clases no instituto de Vilalonga. E esta aposta tamén pode contribuír a fomentar o uso do idioma do país á hora de despedir aos seres queridos. De momento é moi minoritario, aínda que a comarca rexistra un importante incremento do uso da linga galega nas inscricións funerarias, segundo a conclusión que se extrae dos XXVI Encontros pola Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega, Segundo o dato facilitado a semana pasada pola filóloga Patricia Sóñora, en Meaño o uso do galego nas sepulturas só acada o 5 %.