A Semana de Ouro do Albariño volverá usar o golf como ferramenta de promoción do Salnés e do seu viño

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo MEIS / LA VOZ

MEIS

MARTINA MISER

A competición arrincará o vindeiro luns no campo de Meis patrocinada por adegas coma Martín Códax e Paco & Lola, con case 400 participantes

18 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O campo de golf de Meis apréstase a servir de escenario da Semana de Ouro do Albariño. Unha cita que o vindeiro luns verá o inicio da súa novena edición, organizada pola Fundación Monte Castrove, titular das instalacións deportivas, xunto co Concello de Cambados, e cos concellos de Meis, de Ribadumia e de Meaño entre os seus colaboradores. Preto de 400 participantes, unha inscrición con lista de agarda e o patrocinio de cinco adegas da zona, dúas máis co ano anterior, corroboran as palabras da alcaldesa de Meis e presidenta do padroado reitor do campo de golf público, Marta Giráldez, ao falar de «un dos torneos máis importantes» que se organizan nel.

Escaparate turístico do Salnés e recurso promocional dos seus viños. Esta é a dobre función coa que no seu día o Concello de Cambados puxo en marcha a Semana do Ouro do Albariño. E visto o visto, a iniciativa está cumprindo o pretendido, con creces. A Martín Códax, Paco & Lola e Terra de Asorei, históricos respaldos do torneo, súmanse neste 2025 outras dúas adegas máis, Vionta e Lagar de Pintos. Cada unha delas pon nome ao torneo diario que, desde o vindeiro luns e ata o venres 25, se irán sucedendo nas 18 paradas do campo de golf de Meis, con 190 xogadores por día, divididos en quendas de mañá e de tarde polo seu elevado número.

A xerente do campo, Sara Villanueva Concepción, salientou na presentación que deses 190 xogadores diarios, 140 competirán os cinco días, aproveitando a opción de adquirir o bono para toda a semana, a un custe de 125 euros. Os gañadores de cada día, con premios por hándicap, gozarán dunha singular cerimonia de entrega nas instalacións da adega que patrocine cada xornada; no caso de Paco & Lola, cambiando este ano a súa sede polo marco artístico que ofrece a Fundación Manolo Paz. Ademais, os 60 mellores golfistas no cómputo global dos cinco días de competición terán dereito a disputar a gran final programada para o domingo 27 de xullo.

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, argumentou o impulso do seu Concello á semana do golf por tres motivos: «Fomenta un estilo de vida saudable, é para todos os públicos e condicións físicas e o prestixio que está acadando serva para dar a coñecer, desde outro punto de vista como é o deportivo, a nosa comarca e o noso concello», xunto cos seus viños.

Lago lembrou que os participantes na Semana de Ouro do Albariño chegan de non só de moi diferentes puntos de Galicia, senón tamén de fóra do país, e que en pasadas edicións «todos salientan o grande estado no que se atopa o campo, e a gran melloría experimentada nel nos últimos anos».

Tanto Marta Giráldez coma Samuel Lago agradecéronlle ás adegas patrocinadoras o seu apoio e aos traballadores do campo de golf o seu labor para conseguir unha experiencia única entre os xogadores «nun marco incomparable», como cualificou a alcaldesa de Meis un escenario con privilexiadas vistas á ría.