A Carreira de Leo encherá mañá Meis de solidariedade, esperanza e música

La Voz MEIS / LA VOZ

MEIS

Martina Miser

A cita será mañá, coas probas deportivas concentradas no horario de mañá

04 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo celébrase en Meis unha nova edición da Carreira de Leo, un evento que naceu como a resposta dunha familia rota á dor pola perda dun bebé. O pequeno Leo, que padecía unha enfermidade rara —déficit de proteína B de surfactante— foi o centro dun enorme movemento solidario cando a súa familia tivo que se trasladar a Barcelona para darlle o tratamento que precisaba. Tralo seu pasamento, quixeron que todas aquelas mostras de apoio, amor e esperanza, continuasen a chegar a outras familias que, como a súa, se vían condenadas a pasar tragos inhumanos. Naceu así unha cita que é unha demostración do valor da esperanza.

A Carreira de Leo, xa o dí a súa organización, é moito máis que unha proba deportiva. Máis de dúas mil persoas se teñen sumado a esta iniciativa, que inclúe unha andaina e unha carreira de cinco quilómetros. Estas dúas accións centrais veranse completadas con ata seis probas máis desañadas para a rapazada. Durante o tempo que duren as probas, haberá en Meis as lóxicas restricións do tráfico. Pero ademais do deporte, a xornada promete momentos para compartir e gozar en familia. Así, dende a organización anuncian que se instalarán postos de comida e que durante toda a xornada haberá actuacións musicais e de animación. Deste xeito, ao evento súmanse grupos como Os Druídas, Os Jalácticos, Eva Lede Animación, Javi Solla, Bruno Canario, Koko DJ e a Mekánica Rolling Band, que será a encargada de pechar a festa. Porque diso vai a xornada: de celebrar a vida, ese ben tan precioso e que tanto coidado merece.