A Carreira de Leo, un «raio de luz» que permitiu recadar case 40.000 euros para investigación

La Voz MEIS / LA VOZ

MEIS

Maruxa Alfonso

A familia agradece a colaboración de todas as persoas que fixeron posible o éxito do certame

25 oct 2025 . Actualizado a las 23:02 h.

25 de outubro. O pequeno Leo, un bebé de Meis que faleceu dunha enfermidade das chamadas «raras», tería cumprido catro anos. El non estivo para soprar as velas, pero a súa familia recordouno co orgullo de ver como o seu legado segue vivo: cando estaba enfermo o neno xerou unha onda de solidaridade que os seus non quixeron deixar ir, e por iso cada ano organizan unha carreira solidaria que, neste 2025, «grazas á implicación de moita xente», conseguiu recadar 39.954 euros. Ademais, as asociacións beneficiarias desta acción «obtiveron 2.866 euros da venda de produtos vendidos nos seus stands o día do evento».

Eses cartos, explica a familia de Leo, «serán o motor para continuar loitando contra enfermidades como Duchenne e Alexander», pero serán tamén «apoio para impulsar investigacións e tratamentos e mellorar a calidade de vida destes nenos e nenas e das súas familias».

Dende Meis, a familia de Leo recalca que «nun contexto social marcado pola crispación e o desacougo, o vivido en Meis o pasado 5 de outubro é un raio de luz. Porque ninguén se salva só e o que fagamos hoxe definirá o que seremos mañá».

«Leo sempre será eterno», din. E agradecen o traballo feito «a tódolos voluntarios, traballadores e operarios do Concello de Meis, artistas, fotógrafos, asociacións, clubs, institucións e participantes por permitirnos crear unha atmosfera incrible». Agradecidos amósanse tamén con todas «as empresas e negocios que patrocinaron economicamente ou aportaron servizos e recursos humanos e materiais», a Terio Carrera, que sempre apoiou o evento, e aos padriños Éric Domingo e Fátima Pego. A lista de xente que botou unha man é enorme, e Toño Diz, o pai de Leo, debulla os nomes sen querer olvidar a ninguén. Fai, ademais, unha promesa: «Imos a pola cuarta Carreira de Leo!».