O conxunto de Kito Parada deixa de ser o pechacancelas da Primeira Estatal Masculina, e sitúase a 1 punto da zona de seguridade
28 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O Calmear Rasoeiro puxo o pasado sábado punto final á súa negra serie de oito derrotas consecutivas co seu segundo triunfo nas once primeiras xornadas da Liga da Primeira Estatal Masculina de balonmán: 28-24 sobre o BM Saeplast Cañiza, undécimo con 8 puntos. Un marcador que lles permite aos pupilos e compañeiros de Kito Parada deixar de ser o pechacancelas da competición, escalando á penúltima praza da táboa clasificatoria e situándose a 1 punto da S.A.R. Plastic Omnium, o primeiro rival a man na zona segura da Liga.
Comezou moi ben o Calmear Rasoeiro o encontro. Cun 4-1 de saída, e con 10-5 cubertos os dous primeiros terzos da primeira parte. Pero tres minutos de desconexión castigaron o cadro meco cun brutal parcial de 1-7 en contra, que lle deu o control do marcador á Cañiza, 11-12. Os de Kito Parada reaccionaron, estabilizando as posicións para chegar ao descanso 13-14 abaixo.
Na reanudación o Rasoeiro aguantou o empurrón do conxunto visitante, que se marchaba de 3 nos primeiros compases do segundo tempo. Mediado este, os locais recuperaron o dominio do electrónico, e con curtas vantaxes xa non deixaron que o A Cañiza se lle rebelase, grazas a un infrecuente gran manexo do xogo nos derradeiros minutos, habitualmente nefastos para os de Kito Parada. Sergio Iglesias, con 10 dos 28 tantos do seu equipo, foi o mellor nas filas arousás.