A vitoria fronte ao pechacancelas saca o Rasu da zona de descenso

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

CEDIDA

O conxunto de Kito Parada pecha o 2017 antepenúltimo na clasificación da Primeira Estatal Masculina

21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Partido vital o que o pasado sábado disputaba o Calmear Rasoeiro no Pavillón Novo Monte da Vila fronte ao Porriño. Tras perder once dos seus trece encontros precedentes na presente Liga da Primeira Estatal Masculina, penúltimo clasificado, o conxunto dirixido por Kito Parada chegaba ao choque co pechacancelas sen a menor marxe de erro. E non fallou. Cun 37-29 que fixo xustiza á diferenza entre os equipos. E é que, ou moito varía a fisionomía e o rendemento do Porriño, ou semella fixo na parella de planteis con regreso á Primeira División Galega ao termo da tempada.

O Rasoeiro chegou ao descanso con catro goles de vantaxe, 17-13. Unha diferenza que pouco máis deu estirado ata mediado o segundo tempo. A partir de aí o desgaste, físico e mental, acabou por derrubar o cadro visitante, que a dez minutos da conclusión pasaba a perder de sete, 31-24, para rematar véndose superado 37-29. Sergio Iglesias foi o máximo anotador, con 9 dianas.

O triunfo no Novo Monte da Vila, unido á derrota da S.A.R. en Chapela por 32-26, permítenlle ao Rasu pechar o 2017 fóra da zona de descenso directo, antepenúltimo con 6 puntos, polos 5 da S.A.R. e polos 3 do Porriño. A competición para ata o 13 de xaneiro, co Rasu pechando entón a primeira volta na cancha do Embutidos Lalinense, segundo clasificado.