As de Carla Casal clasificáronse na derradeira xornada derrotando o seu rival pola praza tras coñecer a renuncia do Porriño B
17 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Meloxeira Rasoeiro 25-16 BM Moaña. O equipo sénior feminino do club meco gañou na mañá do domingo a súa final. A que o medía co terceiro na táboa da Liga de clasificación da Primeira Autonómica para a promoción á División de Honra Prata Feminina. Empatados a 10 puntos, co goal average a prol do conxunto visitante, as compañeiras e xogadoras de Carla Casal, que coma Kito Parada no sénior masculino do Rasu alterna dirección técnica e xogo no parqué, tiñan que gañar para facerse cunha das dúas prazas galegas na vindeira fase de ascenso, toda vez que o club grovense sabía da renuncia do Porriño B, subcampión, ao seu posto na cita. E as locais non fallaron, conseguindo o que tan só outro equipo sénior feminino do Rasoeiro fixera antes, no 2014, na que fora a estrea dun cadro da entidade nunha promoción a unha categoría estatal.
Inda sempre por diante no marcador (11-9 ao descanso), o equipo arousán non rompeu o partido ata mediada a segunda parte, podendo gozar no treito final dun fito que non entraba nos plans nin do club nin do cadro ao comezo da tempada.
Sorpresa maiúscula
«A verdade é que foi sorprendente. Nós non agardabamos chegar aquí», declaraba onte a extremo esquerda e adestradora do Meloxeira Rasoeiro. E é que cando no verán a directiva e Kito Parada a convenceron para, con 25 anos, estrearse nun banco sénior co seu título de adestradora nacional, Carla Casal só pensaba, coma as súas compañeiras, na súa maioría integrantes do anterior cadro que se viña de salvar do descenso á Segunda Autonómica no treito final da anterior tempada, en eludir a liguiña de permanencia rematando a primeira fase da tempada entre as catro mellores da Primeira.
O Meloxeira xogará a fase do 11 ao 13 de maio nunha praza e nun grupo por determinar, en tanto todos os equipos clasificados teñen ata o día 23 deste mes para solicitar a organización dunha das sedes nas que se porán en xogo as novas franquías para a División de Honra Prata Feminina. Un intento de salto de categoría que o equipo grovense afrontará con só unha ducia de xogadoras. Con Carla e coa tamén extremo Lara Otero como únicas sobreviventes daquela experiencia pioneira hai catro anos en Usurbil.
«Estamos súper contentas. Este non era o noso obxectivo, e ao final saíunos ben», di Carla, que seguirá traballando coas súas compañeiras tres días á semana ata a gran cita de maio.
O Calmear déixase un punto
Pola súa banda, na Primeira Estatal o Calmear Rasoeiro acabou presa dos nervios na visita o sábado ao Grove do equipo que o antecede na clasificación, o Camariñas, ao que chegou dominar 17-11 para acabar empatados a 22 cun gol rival de falta directa co tempo cumprido. A S.A.R. sitúase a 2 puntos tras derrotar o O.A.R. 26-17.