Truco e Agustín Fernández, dupla de luxo para dirixir a traíña de Vilaxoán

O GROVE

O club arousán reúne o artífice dos tres títulos consecutivos de Amegrove na LGT e exadestrador de Tirán na ACT, e o estatega que levou a Ares á Liga Eusko Label
03 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Como en calquera deporte colectivo, a confección do plantel determina en boa medida as probabilidades de éxito do próximo proxecto deportivo dun equipo. Sen nada que garanta o éxito de antemán, moito menos cando nin sequera rematou o proceso de confección das novas tripulacións, o certo é que a directiva do Club de Remo Cuca-Vilaxoán vén de dar un golpe de efecto, elevando a máximos a cotización do seu barco no mercado das expectativas de cara á Liga Galega de Traíñas 2019. Reunindo no mesmo corpo técnico encargado de construír, traballar, pulir e impulsar o buque insignia da entidade na LGT a José Ángel Cambados, Truco, e Agustín Fernández Souto. Dous dos contados adestradores galegos con experiencia á fronte de proxectos na ACT, con catro títulos da LGT entre ambos.
Truco (O Grove, 29/V/1978) é un dos adestradores máis valorados do panorama galego. Antes de iniciarse no mundo da dirección técnica participou como remeiro no subcampionato da primeira edición da Liga ACT asinado polo C.R. Mecos, para continuar na competición de referencia do banco fixo español en Pedreña, dous anos, e outros tantos en Castro, no que gañou 21 bandeiras e unha Liga, máis unha Bandeira da Concha. Xa como remeiro-adestrador foi o grande artífice do histórico triplete na LGT de Amegrove entre o 2010 e 2012, gañando a traíña mexilloeira 17 das 18 bandeiras en xogo no 2011, dirixindo a súa ata hoxe única bancada na ACT, hoxe coñecida comercialmente como Eusko Label Liga, á fronte de Tirán, sétima no 2015, sexta no 2016 e sétima outra vez no 2017.
O 2018 foi para Truco un ano sabático. E o certo é que «estaba moi ben». Pero «ves as regatas, e gústache. Queiras ou non, sempre estás enganchado. É unha droga sana», di. Por iso, cando Gelo Tarrío, compañeiro na traíña do C.R. Mecos no 2003 e remeiro e adestrador durante dez anos da traíña do C.R. Vilaxoán, do que inda é presidente, e mais o seu directivo e mandatario da LGT Melchor Gago «tiran e tiran por un», só precisaron o patrocinador que acabase de decantar a balanza.
Traballador da fábrica de Conservas Isabel no Grove, Truco tivera que deixar Tirán ao final do 2017 pola súa xornada a quenda partida. Que a empresa propietaria lle dea nome á traíña de Vilaxoán coa súa marca Cuca, confesa, «fixo posible que volva ao remo», ao facilitarlle a firma unha quenda continua de mañá neste caso.
Mediador no patrocinio do club
Dáse a circunstancia de que, en agradecemento ao interese que o C.R. Vilaxoán amosara nel catro anos antes, Truco fixo «de intermediario no seu día para que Cuca patrocinara o club».
«Con dúas hernias discais, se conto con plantel» a intención do técnico é limitarse a adestrar. E niso está. Comezando por reunir un corpo técnico de luxo coa fichaxe de Agustín Fernández (Ferrol, 16/XI/1981), patrón/adestrador os oito últimos anos do C.R. Ares, ó que levou ao seu cumio co título de campión da LGT no 2016 e o ascenso á Eusko Label Liga, da que se caeu tras un ano para pelexar ata o último día polo título da Liga Galega 2018 con Samertolameu, subcampión. Agustín exercerá en Vilaxoán as funcións de axudante técnico, de patrón e de preparador físico. «Era o momento de cambiar de aires», conta, «Truco enterouse, e inda que tiven que pensalo, decidínme porque coñezo a Gelo -Tarrío-, o C.R. Vilaxoán paréceme un club bastante familiar, parecido a Ares, e non nos marcan un obxectivo fixo, só facer que o club siga crecendo».
Neste punto incide Truco: «Vilaxoán tiña un bo equipo», sétimo na pasada LGT, que manterá a maioría dos seus remeiros ademais dos reforzos nos que se está a traballar. A partir de aí, «se somos quen de ser serios, e facer as cousas ben, traballando, creo que entre os dous -Agustín e mais el- podemos facer algo bonito. ¿Gañar a Liga? Iso, con Tirán, con Meira, con Ares, con Bueu, con Mecos son palabras maiores. Hai que ser realistas».
Pola súa parte, desde a directiva Tarrío sinala que «buscamos darlle un salto de calidade ao equipo», tras o frustrado intento do 2014 con Fran González, «con alguén que pula as virtudes da nosa traíña, e lle quite os defectos».