De que Adro Vello non é do Grove

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA AVELINO OCHOA

O GROVE

MONICA IRAGO

En maio, a Universidade de Vigo retomará as escavacións e elaborará un Plan Director do xacemento

29 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pois non: Adro Vello non é do Grove, e non porque estea en San Vicente. Adro Grove é de Galicia. O xoves pasado a Consellería de Cultura rematou un traballo un pouco antes de cumprirse o ano do anuncio no DOG de 8 de febreiro de 2022 de que se incoaba o expediente. Foi un proceso complexo, polo que hai que felicitar á Consellería de Cultura e, en particular á Dirección Xeral de Patrimonio, porque nese prazo acometeron un labor complexo que hai moitos anos que, incomprensiblemente, debería estar feito. Cabe dicir que, obviamente, a formación e a implicación do actual Conselleiro, Román Rodríguez, resultaron fundamentais, a pesar dalgúns atrancos algo chuscos doutras administracións públicas. Aí o temos: a Zona Arqueolóxica de Adro Vello inscrita definitivamente como Ben de Interese Cultural de Galicia. O lector que sexa curioso pode darlle unha lectura a este Decreto 231/2022, da Xunta de Galicia, asinado polo seu presidente, porque nel dinse cousas —desta volta foi como se no DOGA se publicase poesía— como as seguintes, que resultan moi clarificadoras: «A xustificación para a súa declaración como ben de interese cultural fundaméntase no seu interese científico, así como na súa importancia histórica e arqueolóxica no panorama da arqueoloxía clásica de Galicia, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis singulares no ámbito da comunidade autónoma»; «unha das zonas arqueolóxicas máis importantes do noroeste peninsular pola potencialidade da información que pode achegar sobre os habitantes da comarca do Salnés na antigüidade e ata a época moderna»; «o seu valor cultural é necesario tamén analizalo en combinación co resto dos bens de valor arqueolóxico, arquitectónico, industrial e etnolóxico da súa contorna, como o resto de factorías de salga da época contemporánea». Os restos romanos, suevos, da Baixa e Alta Idade Media e a ocupación ata o XVIII do xacemento en si xa xustifican ese interese. Por mais, a delimitación da protección inclúe un castro costeiro que pode datarse no século VIII a.C, restos calcolíticos e a posibilidade dunha inexplorada ocupación neolítica, así como os restos existentes na beira do mar, —que na época de ocupación inicial de Adro Vello era terra firme— algúns deles visibles cunha simple inmersión e posiblemente debaixo da area da praia. Con isto non se acabou o traballo porque aínda queda un camiño, xa non tan longo como ata hoxe, para poñer en claro todo o que aínda permanece alí por descubrir e transformar todo aquilo nun dos Museos de Galicia —que interesante sería un debate entre os partidos locais para ver que queren para alí!, malia que as páxinas de Cultura (sic) do Concello do Grove non publiquen este Decreto, e que a súa responsable diga que isto só interesa no Vento da Travesía—. Para empezar, este Decreto, recórdanos que a zona está afectada por unha estrada e unha vivenda «que son os principais elementos que prexudican a súa conservación e apreciación». E mesmo hai moito máis: o castro do Castriño, que conserva parte das murallas e onde non se realizou unha prospección completa, está desamparado; posiblemente ao Sur de Adro Vello estean os restos dun cenobio, dos primeiros de Galicia e da ruta cara a Santiago, porque non convén esquecer que aí está a orixe de que O Grove fose propiedade eclesiástica que sobreviviu como tal dentro da xurisdición da Lanzada. Este vindeiro maio a Universidade de Vigo, co doutor Adolfo Fernández ao fronte coordinando ao resto das universidades galegas, retomará as escavacións e elaborarán un Plan Director. De aí sairán datos científicos que permitirán unha musealización; o Concello do Grove deberá adaptar a normativa urbanística; e, en fin, pode ser que no prazo duns dous anos dispoñamos alí dun Museo arqueolóxico —non do Grove— de Galicia. Estaría fantástico que todos —cidadáns, Administracións, comunidade científica— tirásemos dese carro. Que, pese a quen pese, anda e canta.