Mariscadora, colareira e traballadora da conserva: «Viña da fábrica, e de noite ía á seca»

leticia castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

Martina Miser

Non lle quedou nada por facer. Mariscadora, colareira a traballadora da conserva a partes iguais, Pepita Abelleira rematou a súa vida laboral en Garavilla, unha fábrica do Grove á que asegura que estará «eternamente agradecida»

06 may 2023 . Actualizado a las 17:01 h.

O progreso do Grove non se entende sen o mar, a súa principal fonte de ingresos. Os seus mariñeiros, as súas mariscadoras ou as traballadoras da conserva conseguiron ao longo do século pasado que a localidade prosperase economicamente. Xa na década de 1950 as mulleres xogaban un papel fundamental no seo das familias, non só como figura materna ou coidadoras, que tamén, senón como mulleres bravas que aproveitaron todas as posibilidades que o mar ofrecía para levar o sustento para casa, conseguindo así ser en certa maneira máis independentes do seu home. Josefa Prol, máis coñecida como Pepita Abelleira (O Grove, 1942) é unha desas mulleres que traballaron todas as horas do día e que aínda tiñan enerxía para ir ao baile.

Coma case tódalas nenas da súa idade empezou na seca aos nove anos. «Comecei indo aos caramuxos», conta, porque daquela o marisqueo a pé non era coma hoxe en día, non estaba regulado, así que era unha actividade máis coa que gañar unhas pesetas. Explica Pepita que cando non había seca ía vender colares ao peirao: esas xoias feitas con cunchas mariñas que hoxe son patrimonio inmaterial indiscutible do Grove, e que sacaron tanta fame nas familias mecas. «Daquela non había tanto coche, así que dende Vilagarcía viña moita xente na motora e nós iamos alí venderlles», lembra. Non eran poucas as veces que os municipais ían atrás delas, porque aquilo non estaba permitido. «Escapabamos porque nos rompían os colares e mais levábannos presas» , explica.

Colareira sempre foi, gustáballe fabrica as alfaias e saír a vendelas sempre que podía. A partir dos once anos , compaxinou ese oficio co traballo na conserva. Primeiro estivo na fábrica O Marino, onde xa traballa unha irmá súa. Foi pouco tempo, «porque queimei as pernas con moira», explica, «e miña nai xa non me deixou volver». Naqueles momentos as fábricas de conserva en nada se parecían ás de hoxe. O funcionamento era totalmente manual, e as traballadoras cargaban a auga e o produto como podían. Cando pasaron as queimaduras, o marisqueo converteuse no seu traballo principal que máis tarde compaxinaría coa actividade noutra fábrica, a de Gondar, que se atopaba na rúa Castelao, preto da ponte de A Toxa. «Alí traballabamos moitísimo», sinala. Todo o levaban na cabeza, soportaban grandes pesos, e cargaban con parrillas dobres cheas de peixe, «normalmente sardiñas», di. Era un traballo sacrificado, pero Pepita facíao feliz. Arredor das dous da madrugada chegaban os barcos do mar, «e había que ir cortar xouba para despois emparrillar», comenta. «Non tiñamos roupa de traballo, faciámolo sen mandileta nin nada, con sacos e molladas a pingar». Ela non protestaba, tiraba para diante, gustáballe aprender das mulleres maiores e mais tiña as mans moi lixeiras, «supoño que de enfiar os colares, e tamén pola necesidade de espabilar». Lembra que aínda que a de Gondar era un «fabriquín» de tempada, que practicamente só tiña movemento no verán, daba moito traballo, «e era duro». Tiñan que ir buscar o marisco e o peixe aos barcos que chegaban e cargaban con el enriba da cabeza para trasladalo ao interior do edificio tras subir máis de cincuenta escaleiras. A auga tiñan que ir buscala lonxe e levala en caldeiros, pero inda así sacaba forzas para ir mariscar tamén. «Vendíaselle o marisco á fábrica tamén», así que era un non parar. No Nadal facían ostra, «sen guantes nin nada, e igual botabamos ata as dúas da mañá para preparar as caixas de madeira, con fento ou loureiro, logo viña o camión e ían para Madrid».

Esa cantidade de horas que se botaban traballando era normal en todas as casas, porque naquel tempo os medicamentos e as radiografías había que pagalas, e tódolos cartos eran poucos. Traballou en Alfageme e no Gran Hotel da Toxa, pero o máis importante da súa traxectoria foi, sen dúbida, a fábrica de Conservas Isabel, que se coñece como Garavilla. Corría o ano 1976 cando comezou. «Garavilla foi un salto tremendo logo de ter traballado no Marino e en Gondar, aquilo parecíame un avión, era unha fábrica moi grande», pero trala adaptación ía contenta, e cando viña, de noite, ía mariscar «cunha lanterna na cabeza porque había moito marisco, logo volvía e escollíao e logo ía vender», di. Había que aforrar, así que pouco importaba volver á fábrica ao día seguinte case sen descansar, «aínda que ás veces non daban moitos cartos».

Na seca, tanto ía aos longueiróns como ás ameixas ao buraco, «e cando as secas eran pequenas aos berberechos ou o que atraparas, todo era bo». Os barcos ían cargar o marisco e levaban os caixóns espesos. Esa era a dinámica, non se ía vender á lonxa. A chegada desta foi o mellor que puido pasar: «Bendita a hora, porque aí rematou o abuso dos compradores».

Hoxe Pepita está xubilada, pero segue tremendamente agradecida a Garavilla e cre que O Grove tiña que facerlle un monumento a Jaime Amézaga. «A fábrica veu para aquí por el, e dela viviron moitísimas familias, fixéronse casas, grazas a el coticei e teño unha paga», subliña. Pepita nunca deixou de facer colares. Aínda hoxe, con 81 anos está activa. Unha muller incansable á que soubo traballar o mar e conseguir, así, levar o rumbo da súa vida.