De que a Torre parece un libro prohibido

O GROVE

O edificio tivo unha sucesión de propietarios alleos uns dos outros, pero manténdose como símbolo de prestixio

06 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Torre de Escuredo, a diferencia doutros edificios importantes, tivo unha sucesión de propietarios alleos uns dos outros, pero manténdose como símbolo de prestixio. Os persoeiros que a ambicionaron e ocuparon escribiron un relato espectacular a través dese inmoble como protagonista. Alí plásmase o réxime do Grove dependente da Igrexa, cos Fernández Mariño de Soutomaior como foristas. Despois aparece o colonialismo: Luis Mestre Roig, vilaxoanés de nacemento e de raíces en Cataluña, propietario desde 1862, reformouna con aspecto indiano; saíra rumbo América seguindo o exemplo de moitos outros de Sitges, terra de seus pais, onde os que volvían ricos edificaban casas coma esta e que hoxe forman alá unha ruta turística: o Barrio dos Americanos. Mestre Roig —os pais establecéranse por Peralto e soterráronse no Grove— viña de facer negocios nunha Cuba na que vivían case oitocentos mil brancos e catrocentos mil escravos negros, —aínda que a escravitude estaba prohibida— e con man de obra escrava mantiña riqueza en tabaco, café ou cana de azucre. Mestre adquiriu de Ambrosio Seoane —beneficiado pola desamortización— varias parcelas na Toxa entre elas a denominada Porca Morta, onde brotaban augas termais; en 1880 levaba en arrendo os baños da illa en breve sociedade con Francisco Otero Moraña —pai dos Otero Goday, familia relacionada coa salga e gran favorecida das desamortizacións— cunha fonda denominada «Dos amigos» e con enfrontamentos co Concello que reclamaba esas posesións; e tamén con loitas con Joaquín Álvarez Vidal, que vivía fronte á Torre —outra saga importante— e co cuñado deste Daniel Benavides, médico, tamén alcalde, que, por certo, emparentou cos Solá-Mestre. Os dous bandos, todos residentes pola Carrela, rivais, eran titulares de casas de baños e fonda. Preitos por medio, en 1903 constituíse a Sociedade Anónima La Toja e os dous grupos achegaron a ela as titularidades na illa. Despois, os dous fillos de Mestre Roig quedaron cunha metade cada un da Casa da Torre e viviron das rendas da Toxa, ata que lles minguaron. Luís A. Mestre, periodista, correspondente da RAG, poetastro,  cónsul de Cuba e de Guatemala en Vigo, vendeulle a Eugenio Escuredo Lastra; Luisa Mestre transmitira ao Marqués de Riestra a metade que despois adquiriu Francisco Lores. Escuredo, dono de Conservas Yago, e Lores, de El Marino, foran socios, e pronto contrincantes; compartían ideoloxía, pode que por comenencia económica. Escuredo era da Falanxe e Lores non lle quedaba atrás. Consultamos o exemplar de 24 de xullo de 1938 de El Pueblo Gallego, nese momento propiedade de FET de las JONS, para atopármonos unha páxina completa de publicidade de El Marino felicitando o día do Apóstolo, co encabezamento Arriba España e con fotografías de grandes grupos de xente do Grove, con pés de foto propios dese momento. Unha, de máis de cen operarios, presentados como voceiros da España Nova; outra con supostos mariñeiros vellos e eivados que, «encontran a mesa posta asegurando a tranquilidade da súa vellez por conta da fábrica no Comedor para mariñeiros vellos, que dispuxo a fábrica»; vai tamén o retrato dunha empregada que seguía recibindo o soldo mentres coidaba un neno enfermo; outra cos fillos dos empregados saudando ao xeito fascista saíndo da escola que «puxo a fábrica e serán os futuros frechas da España Imperial». Retrátase, tamén, a unhas trinta mulleres que, ao parecer, curáranse grazas aos desvelos da fábrica. A propaganda conclúe afirmando que en El Marino «onde se vela pola infancia, polo obreiro e pola ancianidade, nunha obra de sentido social profundo, ten forzosamente que producirse unha mercancía selecta». Engadíase un tributo ao fillo de Escuredo, falecido no Baleares, rematado co consabido Presente!. Curiosamente, tanto Lores como Escuredo, tiveron como xenros, cos que conviviron, a dous artistas que andaban moi lonxe da súa ideoloxía: Manuel Lueiro Rey, comunista, escritor, na Torre de Lores. E na de Escuredo, Manuel Conde Corbal, pintor, gravador, arrimado ao Partido Galeguista. Este edificio reflicte tamén a desfeita urbanística da segunda metade do século XX en diante. A Torre de Escuredo é un libro. Temos que poder lelo pero quérenolo prohibir.