Helena Domínguez, gañadora do premio Luís Rei:«Sobre talasonimia queda moito que explorar»
O GROVE

Veciña da Illa, recibiu o primeiro galardón, centrado no mundo da cultura marítima, polo seu traballo «Cons, touzas e petóns: talasonimia da Ría de Arousa»
08 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Helena Domínguez é natural da Illa de Arousa, no corazón da ría á que lle da nome. Onte recibiu no Grove o primeiro Premio Luís Rei de Investigación e Cultura Marítima, un galardón convocado para poñer en valor o legado que deixou o historiador e escritor grovense, unha figura á que por fin parece que se lle comeza a facer xustiza na súa vila natal. Domínguez fíxose con este primeiro premio el grazas a Cons, touzas e petóns: talasonimia da Ría de Arousa, un texto que agarda poder publicar para darlle un impulso aos estudos sobre talasonimia, un campo no que queda aínda moito que explorar en Galicia.
—Como naceu este traballo arredor da talasonimia?
—Comecei con isto no meu traballo de fin de grao en Filoloxía Galega. A miña idea era facelo sobre a toponimia, pero comecei a descubrir moitísimos nomes do mar e de pedras, e acabei desviándome cara a talasonimia. É un tema que me interesa moito dende o punto de vista etnográfico e lingüístico. Nunca a estudara con criterios lingüísticos e filolóxicos, fixera recollidas informais. No traballo de fin de grao, tiven de director a Gonzalo Navaza, un referente no estudo da toponimia en Galicia, e a través del funme introducindo no tema, pero cun criterio lingüístico, filolóxico, na procura de significados e buscando os procedementos sobre como se forman os microtopónimos.
—E a que se enfrontou á hora de comezar esta investigación? Había documentación ou realmente queda moito por investigar neste campo?
—Non é que quede algo por investigar, e que non hai nada estudado. Só hai un traballo de referencia de talasonimia, pero é de Baiona e da costa sur e despois existen traballos dispersos, pero non hai unha obra xeral. Da Ría de Arousa atopei un estudo dos anos 70, hai unha listaxe, pero non unha análise deses nomes. A miña investigación vai da man do traballo de campo cos mariñeiros, así fun conformando a lista de nomes e significados. Con Ventura Oubiña, o meu principal informante, recorrín todo o perímetro da Illa, e vin que non coñecía nada da Arousa, para min foi como abrir os ollos.
—Teño entendido que logrou reunir 250 talasónimos, que forman parte da cultura popular e da transmisión oral…
—É léxico que forma parte do seu medio de vida. Antes non había sistemas de navegación modernos e entón tiñan que anotar as pedras que había no fondo, porque aí é onde se crían os peixes e o marisco. De xeración en xeración ían pasando os nomes, e eses nomes garantíanlles chegar á pesqueira e coller o que querían. Significaba tamén unha salvagarda contra accidentes. Íalles a vida en coñecer estas pedras para non embarrancar, e ademais facíano por motivos prácticos. Hai nomes antiquísimos, algúns propios de cada mariñeiro, e nomes comúns á toda a ría. Os que teño recollidos inclúen puntas, praias, touzas, insuas…. na Illa de Arousa e da contorna, que a fronteira por mar non está definida. O traballo está dividido en dúas partes: a lista de talasónimos completos da Illa de Arousa, e un apartado dedicado á ría no que falo de talasónimos que se repiten, que son comúns a O Grove, A Pobra, Boiro... Identifiqueinos como termos xenéricos. Como as abras que hai varias —que é a forma tradicional de referirse ás enseadas—. Ou moitos cons, que reciben o nome de mesa, creo que é pola forma. De mesas e mesos está a ría chea!. Hai unha moi coñecida no sur da Arousa que se chama mesa de Con, que é como a coñecen os do Grove e os de Cambados, pero os da Arousa coñécena como Con Caghado. Á mesma pedra os mariñeiros de cada lado póñenlle un nome diferente. Hai outro, perigoso, que lle chaman Dente de Can, a esa mesma pedra os de Cambados chámanlle Rapatimóns, porque che pode quedar aí o timón enganchado. Moitos termos que definen realidades por toda a ría, pero o léxico do mar está moi descoidado.