
O istmo da Lanzada, un dos espazos históricos máis sobranceiros de Galicia, segue a ser un espazo en disputa
09 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O istmo da Lanzada é un dos espazos históricos máis sobranceiros de Galicia: salinas, sistema defensivo, poboamentos, comercio marítimo, centro de peregrinación e, actualmente, o difícil binomio de atractivo turístico e zona protexida medioambientalmente. Segue a ser un espazo en disputa, algo chusca, que convén aclarar. Ese terreo entre a estrada que vai a San Vicente do Grove e a desembocadura do Rego de Mouros é un areeiro formado polas achegas de area mariña desde o Sur, e as colmatacións do estuario do Umia polo Norte e dos regatos que baixan de Noalla, polo Este. Figurou na cartografía ata o século XVII como mar e, actualmente, é unha gran duna, ponte natural para entrar a O Grove, que segue a ser illa. A división administrativa entre os municipios de Sanxenxo e do Grove aclarouse mediante sentenza de 17 de novembro de 1961, establecendo unha liña desde un punto ao norte das salinas da Revolta ata o Con da Gaivota, ao final da praia da Lanzada. Todo o istmo do Vao, que pertence á parroquia de San Vicente do Grove na súa integridade, foi utilizado polo Concello do Grove permanentemente: alí pretendeu construír un aeródromo; levou a cabo diversas obras e existen pozos de extracción de auga que deron servizo a este municipio antes da instalación da rede de subministro do Umia; vendeu area para construción; aportou eses terreos ata o límite con Sanxenxo a unha sociedade de capital privado formada coa Deputación de Pontevedra e inversores particulares, Grovelán S.A., coa pretensión de edificar alí unha especie de Marbella galega. Os veciños do Grove, non os de Noalla, subleváronse fronte a ese dislate urbanístico con Xaquín Álvarez Corbacho e José Lores á cabeza. Unha xesta que nunca se lles agradecerá suficientemente. O istmo foi declarado dominio público marítimo terrestre nos anos 1993 e 1994. A Comunidade de Montes de Noalla, desde a súa mesma creación, mantivo unha activa litixiosidade ó redor del sen que fose capaz de que lle atendesen ningunha petición. Preiteou polo deslinde marítimo terrestre, pola adxudicación de quioscos de temporada, contra a actuación de Costas que suprimiu unha estrada litoral e reordenou o istmo, colocando paseos e valados de protección medioambiental. Esa Comunidade de Montes de Noalla chegou a pedir o vinte e cinco por cento dos bens e dereitos ocupados polo Estado e, ademais, que se lle entregase o istmo en concesión. Os Tribunais aplicaron a Constitución e a Lei de Costas e rexeitaron ese tipo de propiedade privada sobre bens de dominio público, aínda que houbo un momento no que o Xurado Provincial de Montes de Pontevedra recoñecera todo o istmo como monte de man común; pero a oposición do Concello do Grove conseguiu que se declarase a nulidade de tal decisión absurda e, iniciado un novo expediente, o propio Xurado e os Tribunais rexeitaron que ese espazo, que inclúe a ermida da Lanzada, poida considerarse un monte noallés. Polo Noroeste aínda quedan marcos das vellas propiedades de veciños de Reboredo. Sobre ese terreo precísase unha actuación global, conxunta, de Xunta, Concello e Estado que garanta a protección e poña de manifesto os seus valores culturais, históricos e medioambientais. En vez diso, nestes días volve estar de actualidade ese espazo porque o Concello do Grove gastou uns quince mil euros nun deses carteis de benvida e adeus, en color vermello PSOE, nunha rotonda a uns setecentos metros do linde entre Sanxenxo e O Grove. Non se entende moi ben cal pode ser a razón de tal colocación. Unha estrema entre municipios que, por certo, se a proxectamos vai cara Punta Faxilda e colle dentro do Grove á ermida da Lanzada, hoxe de Sanxenxo, como se puidesen volver os tempos de cando lle pertenceu ao Grove.