O PP urxe un plan de limpeza e pide ao alcalde compromiso coa obra de Luís Antonio Mestre

La Voz O GROVE / LA VOZ

O GROVE

ADRIÁN BAÚLDE

Pablo Leiva, criticou a presenza de vexetación e maleza de grandes dimensións nas beirarrúas, que nesta época «medra a gran velocidade»

14 jun 2025 . Actualizado a las 20:13 h.

O PP do Grove volveu lamentar onte o «pasotismo» do grupo municipal en materia de limpeza, unha cuestión que, segundo denuncian, outorga moi mala imaxe á localidade ás portas dunha tempada alta que está a piques de comezar. O voceiro dos populares, Pablo Leiva, criticou a presenza de vexetación e maleza de grandes dimensións nas beirarrúas, que nesta época «medra a gran velocidade», e en varios puntos dificulta o paso dos peóns.

Subliñan dende o PP que non é normal que os viais municipais estean nestas condicións a mediados de xuño, e instan ao executivo a solucionalo de xeito urxente. Leiva fai fincapé tamén en que esta situación é perigosa, xa que xera riscos en caso de lume forestal, e pide que se deixe todo limpo antes do San Xoán. A da limpeza non é a única preocupación que manifestan dende a formación, que tamén quere deixar clara a súa postura sobre o colapso da rúa Luís Antonio Mestre, tralos últimos problemas causados na rede de saneamento que provocaron un afundimento no firme da vía. «A pelota está claramente no tellado do alcalde», sinala Leiva, esixindo ao rexedor José Cacabelos que se «comprometa de verdade con esta obra que ten que facer da man da Xunta, e que poña os cartos que lle corresponden», comenta.

O voceiro lembrou onte que existe un proxecto redactado pola Xunta dende o ano 2018 que fixaba o orzamento en dous millóns de euros, do cal o Concello debía sufragar aproximadamente a metade. «Hai intención da Xunta de investir e proposta de convenio desde hai moito tempo, pero hai que dicilo: O Grove ou non ten eses cartos, ou polo que sexa, non quere poñelos».