Reflexión de fin de tempada dun hostaleiro

Jorge Olleros DIRECTOR DO HOTEL SPA ATLÁNTICO O GROVE

O GROVE

«Desde un lugar como O Grove podemos achegar ao mundo esa mestura de oficio e de sentidiño galaico que só nace de bregar ano tras ano, tempada tras tempada»

16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días participo nunhas xornadas cunha universidade americana. Nada extraordinario en aparencia: unha pantalla, un profesor en Nova York e xente conectada desde Alemaña, Indonesia ou México. Pero abonda con pararse un intre para entender a magnitude do cambio.

Desde O Grove podo estar —podemos estar— en calquera lugar do mundo sen movérmonos da casa. Somos menos periféricos ca antes e xa temos poucas escusas para non mirar máis alá das nosas propias fronteiras, que non son só as administrativas: tamén as mentais.

Nestes encontros un coñece outras maneiras de explicar o márketing, outras mentalidades, outros modos de traballar e a presenza natural que a tecnoloxía e a innovación teñen xa nos espazos profesionais de Occidente e de Oriente. E, aínda así, tamén descubro o que nós podemos achegar: esa mestura de oficio e de sentidiño galaico que só nace de bregar ano tras ano, tempada tras tempada. 

Pero o que máis me chama a atención é que participar nestas discusións obriga a pensar. Obriga a pensar nun mesmo por comparación e porque cho demanda a propia temática tratada. Obriga a revisar o que facemos como sector e como individuos. En como imos construíndo o noso destino, con luces e con sombras, pero tamén cunha boa dose de amor propio, que nunca sobra.

E dende esa mirada, reafírmome nunha convicción persoal: non existen empresas pequenas. Existen empresas que superan as expectativas dos seus clientes, que manteñen marxes sostibles e que resultan atractivas para quen traballa nelas e as fai posibles. E hai outras ás que lles custa máis, con independencia do seu tamaño ou dos seus números.

Introducir esta reflexión como contrapunto ao mainstream que adoita marcar estes e outros foros do que se considera caso de éxito é, para min, algo que me chega. A diferenza, creo, está no sentido que se lle pon ao traballo e no respecto por aquilo que un fai e polo que fan os demais. 

Sirva esta pequena reflexión persoal como exemplo do que pensa un hostaleiro coma min cando pecha a tempada e atopa un pouco de acougo para alternar coa intensidade turística.