Postos a expresar bos desexos para o ano que acaba de entrar, podemos deixalo nun «saúde e fartura»
04 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Nestes días seguramente todos recibimos algunha mensaxe, chamada —ou por calquera outro medio— na que o cortés remitente desexounos un 2026 venturoso. Quería facer desde aquí o mesmo con vostede, lector, e dubidei se escribir ano venturoso ou ano ventureiro —non é o mesmo—, ou, polo si ou polo non, dicir outra cousa. Explicareime. Os dous veñen do verbo latino venire, vir, e teñen en común «ventura», que segundo di o Dicionario da Real Academia vén sendo simultaneamente, que curioso, boa ou mala sorte; e como sinónimos trae fortuna, boaventura, acaso, azar ou destino. En castelán defínena como o que virá ou sucederá; e en portugués leva acepcións como fortuna próspera, destino, acaso, felicidade, pero tamén risco e perigo. Así que, en realidade, non me queda claro que desexa alguén que pide ventura para un, porque tanto pode estar a dicirche que te metas nun lío, que te arruínes, ou que che toque a lotaría. No fondo é desexar que vaia todo segundo veña a vida, porque tampouco hai que pórse en que exista xente tan refinada para agoirar mal con tal disimulo. Total, por expresar un anhelo non se vai cumprir, porque aínda non hai mecanismos que aten a bioloxía coas verbas. E, por suposto, ás veces é mellor estar calado.
A miña incerteza non era se escribir ventura senón elixir entre venturoso e ventureiro. Se vostede, lector, é de aldea coma min, acaso tería esa dúbida porque ventureira é planta que medra sen ser sementada e prospera porque lle cadra así; é como libre, fai o que lle peta e prende onde lle dá a gana e hai tamén animais domésticos ventureiros, que comen por fóra, gatos maiormente, ou galiñas que chocan e coidan a niñada elas soas. Así que se desexo un ano 2026 ventureiro, non queda claro o que quero e o máis que se podería entender é que o destinatario sexa libre, que faga o que lle pete e lle dea a gana, ou que lle pase o que lle teña que pasar. Ou sexa un desexo deses de falar por falar. Tamén inflúe se é castelán porque no seu idioma aparecen outras acepcións como que se trata dunha persoa ociosa, sen oficio, e disposta a traballar no que saia; pero tamén que ten boa ventura. En portugués un ventureiro pode ser desde un soldado mercenario ata algo arriscado, casual ou incerto. Así que non che sei moi ben: parece que pedir un ano ventureiro é un algo perigoso.
Así que quédanos venturoso, que foi a palabra que empregaron algúns —poucos, a verdade— que se dirixiron a min nestas festas. Como deriva de ventura, tamén vén sendo un desexo incerto, independente da vontade dun. O que pide para un o que desexa un ano venturoso é que teña boa sorte, boa fortuna; en castelán hai que volver ter coidado porque tamén pode significar ano borrascoso ou tempestuoso, e no portugués engade matices de arriscado, pero tamén de feliz. Así que seguramente tería que inclinarme non por pedir un ano ventureiro, senón un 2026 venturoso. E aínda así.
En todo caso, tanto empregando ventura, como ventureiro, ou venturoso, ansíase sorte, que os fados sexan favorables, que se teña boa fortuna ou que o destino o leve por bo camiño. Non se desexa nada que dependa da súa, nin da miña, vontade. Matinando nesta andrómena propia dos rituais de ano vello, baleiros, ata sen moito sentimento, máis de sermos socialmente correctos, venme á cabeza que a realidade política e ata a económica de por aquí está chea de ventura —agora xa hai pensadores que din que a Economía non é ciencia, senón ventura— e que imos camiñando, ás veces cara adiante e outras cara atrás, e tanto ventureiros como venturosos. Porque non se planifica. Todo vai á ventura. Algo así como ir ao mar por se viñese peixe. Nunha economía perigosamente dependente do sector primario, dos recursos naturais, e escasamente desenvolvida con proxectos industriais —e estes mediante empresas alleas na súa maioría—. Si, a economía do Salnés ten moito de ventura, ventureira e venturosa. Pero ese é outro tema. A mensaxe que terminei por enviar foi «saúde e fartura». Aínda que, claro, segue sendo un desexo. Un simple desexo. En fin, querido lector: bo ano 2026.