
As festas do Carme celebraranse do 30 de xuño ao 3 de xullo
28 jun 2023 . Actualizado a las 17:40 h.O Concello de Pontecesures vén de dar a coñecer o programa das Festas do Carme, que terán lugar do venres 30 de xuño ao luns 3 de xullo. A alcaldesa, María Teresa Tocino Barreiro, asegura que «sacar unhas festas coma estas en menos de oito días foi algo moi difícil, sobre todo porque non había nada programado con anterioridade, pero penso que fomos quen de conseguir unhas festas moi dignas que de seguro desfrutarán os veciños e veciñas de Pontecesures».
Neste sentido, a alcaldesa sinala que «por cuestións de tempo non se podía organizar a Festa do Churro, xa que non había nada previsto por parte do goberno anterior. Por iso, o luns mantiven unha reunión co colectivo, expliqueilles a situación e acordamos seguir adiante coa Festa do Churro pero cambiándoa de data: ao 7 de xaneiro», explica a rexedora. É unha proposta «que xa tiñamos en mente, porque pensamos que o inverno é unha mellor época para este produto».
En canto ao programa das festas do Carme, empezará o 30 de xuño, ás 21 horas na Plazuela, coa actuación musical de Wöyza & The Galician Messengers, un grupo liderado pola artista de hip hop e soul Sofía Trigo e que interpreta cancións populares do patrimonio histórico-cultural galego en clave de música urbana.
A asociación Xarandeira será a encargada de abrir a xornada do sábado cun pasarrúas matutino e unha actuación na Plazuela ás 12 horas. Xa pola noite, A banda da loba ofrecerá un concerto mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais.
O domingo 2 de xullo amencerá cun gran disparo de bombas, un pasarrúas a cargo da Banda de Música de Lantaño e un concerto da Coral Polifónica Cultural A Barcarola. Ás 18 horas terá lugar o tradicional Desfile Valeiro e ás 18.30 horas está programada a misa solemne, tras a cal terá lugar unha procesión co acompañamento da Banda de Música de Lantaño. Pola noite, gran verbena coas orquestras La Ola ADN e América SL.
O Concello de Pontecesures lembra que as persoas que queiran participar na procesión poden inscribirse nas oficinas municipais ata o xoves 29 de xuño. A roupa para a procesión poderá recollerse o venres 30 de xuño, entre as 10 e 14 horas, na propia casa consistorial.
Finalmente, o luns 3 de xullo estará especialmente dedicado ao público infantil. Pola mañá, a Asociación Cultural Algueirada encargarase do pasarrúas, seguida ás 12.30 dunha misa a San Antón cantada pola Coral Polifónica Cultural de Pontecesures.
Pola tarde, a partir das 17 horas, haberá unha festa infantil con inchables, escuma e colchonetas nas rúas San Lois e San Lázaro, así como na Plazuela. O grupo de animación infantil Las Pamisuky encargarase de poñer o punto e final ás festas cun divertido espectáculo lúdico-musical que inclúe unha gran variedade de cancións infantís e actuais nas que é precisa unha activa participación da rapazada a través de xogos e bailes, segundo informan desde o Concello.