Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Pontecesures celebra a Festa do Churro o martes, coincidindo co San Xulián

La Voz PONTECESURES / LA VOZ

PONTECESURES

Cedida

A celebración está programada a partir das seis e media da tarde

03 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Pontecesures vai celebrar o martes 7 de xaneiro a Festa do Churro. A alcaldesa Maite Tocino agarda un éxito semellante ao da anterior edición, cando repartiron uns 30.000 churros acompañados de chocolate quente, todo de balde. Segundo explica, o obxectivo do evento é poñer en valor un produto que se identifica con Pontecesures, que ven sendo elaborado dende hai xeracións por practicamente as mesmas familias. Nesta edición participarán once churrerías e unha chocolatería da vila e prevese igualar as cifras do ano pasado, cando a cita se fixo coincidir co San Xulián. Ata ese momento celebrábase no mes de xullo.

A cita comezará ás 18.30 horas na Prazuela. Debido á previsión de chuvia, o Concello ten preparada unha carpa para resgardar a todas as persoas que se queiran achegar. Ademais dos churros e o chocolate de balde tamén haberá música para amenizar a xornada a cargo do Dúo Reflejos. Ademais de comer e bailar, en moitos dos postos poderase ver como se fai o produto estrela en vivo e en directo con ingredientes do máis simple (fariña, auga e sal) e cun proceso manual.

Polo demais, os actos na honra de San Xulián comezarán ás nove da mañá coas bombas de palenque, á que seguirá unha alborada a cargo de Xarandeira. Xa ás 12.30 celebrarase a tradicional misa acompañada pola Coral Polifónica de Pontecesures na igrexa parroquial.