![](https://img.lavdg.com/sc/8Yg07flt48v3K9UzCAy5fKas80k=/480x/2025/01/28/00121738097402352626369/Foto/A_20240122_193951000.jpg)
A proba foi programada de novo para este domingo, 2 de febreiro, logo de ser suspendida polo temporal Herminia
29 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O impacto do temporal Herminia obrigou o pasado domingo á suspensión da práctica totalidade da actividade e dos eventos deportivos na comarca de Arousa. Entre os damnificados figuran os 707 inscritos cos que, o mércores da semana pasada, pechaba o prazo de inscrición na vixésimo cuarta Carreira Popular Concello de Pontecesures.
De mutuo acordo coa empresa encargada da organización da proba, Emesports, o goberno local fixou para este domingo, 2 de febreiro, a nova data da carreira. Unha reprogramación que veu acompañada da reapertura do prazo para anotarse nela, e tamén para desistir de participar nos casos de aqueles apuntados de primeiras aos que agora non lles encaixe ben correr este domingo. O tempo para facer calquera das dúas cousas remata hoxe mércores, ás 23.59 horas.
Polo demais, a Carreira Popular Concello de Pontecesures mantén todo igual. Os atletas das categorías júnior, sénior e master teñen a posibilidade de optar por correr 4 ou 8 quilómetros, debendo facer constar a súa elección no momento no que se inscriban. A saída destas tres categorías será conxunta, ás once da mañá desde a Prazuela.
Máis tarde, cadetes e infantís comezarán a correr ás 11.45 horas, cun percorrido de 1.500 metros, os alevíns e os benxamíns (1.000 metros) faráno ás 12, os pitufos (nados nos anos 2018 e 2019) ás 12.30 con 450 metros por diante e os biberóns (2020 e posteriores) ás 12.40 con 150 metros.
A proba repite a súa condición solidaria, desta volta, coa recadación destinada a apoiar o labor de protección medioambiental feito pola asociación Adega.