Fran Vieites será o padriño do campus de porteiros do Concello de Pontecesures

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTECESURES

Cedida

O porteiro do Real Betis compartirá os seus coñecementos a final de mes cos 14 nenos que se apunten na iniciativa municipal

08 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Pontecesures organizará os días 26, 27 e 28 do presente mes un campus de porteiros para nenas e para nenos da escola municipal e de equipos da zona. Unha iniciativa que contará cun padriño de altura. Fran Vieites, o gardamallas cesureño do Real Betis, co que vén de rematar subcampión da Conference League, quen ademais de acudir á presentación da iniciativa, este venres no consistorio local, tomará parte o sábado 28 do campus para compartir parte dos seus coñecementos cos participantes.

Acompañada tamén polo monitor deportivo Marcos Jamardo e polo tenente de alcalde, Roque Araújo (PSOE), a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino (BNG), explicou que a idea do campus se enmarca na aposta do goberno local polo deporte base e polos deportistas locais, e no éxito que está a ter a escola municipal de fútbol. De apenas contar con rapazada, forma hoxe 72 nenas e nenos, subliña a rexedora, cos que se está a traballar no goce do ocio saudable e na formación en valores.

A alcaldesa lembrou na presentación e ante o aludido os inicios de Fran Vieites nas escolas municipais da localidade, e tamén o forte vínculo que mantén con Pontecesures, a onde regresa sempre que as súas obrigas deportivas llo permiten. «É unha sorte e un orgullo poder contar cun veciño de tanto talento devolvéndolle á xente nova a formación que tamén recibiu aquí», declarou Maite Tocino.

O porteiro do Real Betis levou á presentación a súa medalla de subcampión da Conference League, explicou o seu traballo e técnicas de adestramento, e atendeu á rapazada da escola municipal que asistiu ao acto, asinándolles autógrafos, cromos, fotografías, camisetas e ata zapatillas, e facéndose fotos con quen llo pedía.

O campus contará con 14 prazas, que se cubrirán a partir de mañá luns por orde de solicitude na casa do concello.