Goleada do Umia C.F., 5-1, que vale media permanencia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

As de Jito foron netamente superiores ao Llanera e Nati o seu referente goleador, con tres tantos

16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Umia C.F. deu onte un paso que pode resultar decisivo na súa continuidade na Primera Nacional Femenina, goleando 5-1 a unha U.D. Llanera que visitaba A Bouza de Barrantes tentando recortar os 7 puntos de desvantaxe co cadro arousán, un posto este por enriba na clasificación ocupando a sexta praza que ten moitas probabilidades de acabar concedendo a permanencia.

O certo é que o Umia C.F. foi o amo e señor do encontro. Ameazando a portería contraria desde o primeiro minuto do partido, cun misil de Lidia que se estrelaba no longueiro. Mais foi o Llanera quen, no minuto 12, abría o marcador nun centro por banda dereita rematado nunha chegada en segunda liña sobre o minuto 12.

Non tardarían as de Jito nin cinco minutos en restablecer a igualada nunha acción semellante rematada por Nati, que se encargou de levar o choque ao 2-1 antes do descanso cun dobre remate con golpeo intermedio do balón nun poste.

Na reanudación, o dominio local foi xa total. Lidia, no primeiro cuarto de hora, pechou o partido, que inda deparou o hat-trick de Nati, un tanto de Antía, un penalti errado polo Umia e dous goles locais máis anulados. E con Eva, a pichichi do equipo, brillando nesta ocasión en labores de asistente das súas compañeiras. 

O Arousana recibe o C.D. Monte esta mañá na Lomba

Só un milagre podería evitar aparentemente o descenso do Atlético Arousana á Primeira Autonómica. Pero se por algo pasa a continuidade do conxunto vilagarcián na Primera Nacional Femenina, que este verán descenderá de terceira a cuarta categoría do balompé español, é por gañar os catro partidos que lle restan da fase de permanencia. Comezando polo que esta mañá, a partir das doce no céspede do Campo Municipal da Lomba, o enfronta ao C.D. Monte cántabro, cuarto clasificado con 31 puntos, polos 19 do Atlético Arousana, oitavo. No partido da primeira volta da fase de permanencia o cadro arousán encaixara un 4-1.