Ribadumia celebrará o sábado unha gala solidaria a prol da asociación Esmar Non á Violencia
RIBADUMIA
O Concello desprega esta semana un amplo programa polo 25-N
23 nov 2022 . Actualizado a las 09:51 h.O Concello de Ribadumia leva desenvolvendo desde o día 10 un amplo programa destinado a poñer o seu grao de area na guerra contra a violencia de xénero no marco da conmemoración, este venres 25, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Un programa que terá o seu apoxeo o sábado, coa celebración, no Auditorio de Ribadumia, dunha gala solidaria a prol de Esmar Non á Violencia.
Presentada polo actor, produtor e activista Rubén Riós, a gala contará con actuacións de Onte e Hoxe, Ximena Rodríguez, Marietta e a Asociación Obradoiro Cultural Volandeira. A entrada será gratuíta, animando aos asistentes a facer un donativo que irá destinado ao financiamento de Esmar, colectivo que traballa na axuda a mulleres vítimas da violencia de xénero na comarca. Por cada euro doado entregaráse unha rifa para o sorteo dos agasallos cedidos polos comercios participantes na iniciativa.
Un par de días antes, este xoves, o Centro de Información á Muller (CIM) ofertará un obradoiro destinado a informar das novas formas de violencia de xénero a través das tecnoloxías e redes sociais e como protexerse contra elas e combatelas. A actividade está programada no Colexio Julia Becerra Malvar.
O venres, 25-N, inauguraráse no Auditorio de Ribadumia a exposición Non somos números, do fotógrafo Alberto Medrano e organizada por Esmar Non á Violencia. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 15 de febreiro do 2023 e a súa apertura dará paso á lectura do manifesto polo 25-N e a unha peza teatral.
Para rematar a semana, o domingo, desde as sete da tarde, o escenario do Auditorio de Ribadumia contará coa representación da obra Feminíssimas. Con todo, non será esta a última actividade do programa municipal co gallo do 25-N. O xoves 1 de decembro, na Casa da Cultura de Ribadumia de dez a doce da mañá, o CIM impartirá un obradoiro de autoestima e de benestar; mentres que o venres 2 de decembro Luz Durán presentará ás oito da tarde o libro The Divis, de Sonia H de Arcos, con Esmar Non Á Violencia como promotora da cita.
A programación do Concello de Ribadumia foi presentada onte na casa consistorial, nun acto no que participaron o alcalde, David Castro, a presidenta de Esmar Non á Violencia, Soledad Cores Padín, o fotógrafo Alberto Medrano e a traballadora social do Concello de Ribadumia, Sara Gómez. David Castro recordou ademais a exposición Á violencia de xénero dille... NON! que, do 10 ao 24 deste mes, permanece aberta nas instalacións do Colexio Julio Becerra Malvar.