Manuel Fontán e Adrián Sieiro, á final europea do C2 200

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Náutico O Muíño

O vilanovés do Náutico O Muíño debe superar esta mañá a semifinal do C1 1.000 para poder pelexar tamén polas medallas na canoa olímpica individual

14 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O internacional vilanovés do Club Náutico O Muíño de Ribadumia, Manuel Fontán, viviu este xoves unha de cal e outra de area na súa estrea no Campionato de Europa Absoluto de Esprint. Na primeira das catro xornadas da cita na pista de Szeged, Hungría, o arousán conseguiu o pase directo á final do sábado na súa serie de clasificación no C2 200, que disputou xunto co seu compañeiro de club Adrián Sieiro. No C1 1.000, barco olímpico, deberá pasar pola contra este venres pola semifinal para poder disputar a regata polas medallas.

Fontán abriu a súa participación no Europeo sétimo na segunda das dúas series da canoa individual. Tentou manter a tiro os tres primeiros, pero a falta de 250 metros tirou a toalla vendo que non podía, entrando a 17 segundos do checo Fuksa, vixente campión do mundo. Hoxe, ás 9.06, Fontán debe rematar entre os tres primeiros na semifinal.

Dúas horas máis tarde, o arousán e o poiense Sieiro foron segundos na súa serie do C2 200, a 303 milésimas dos rusos Korovashkov e Shtyl, primeiros en 35,707. A final, mañá ás 17.16 horas.

Pola súa banda, o padexeiro madrileño do Breogán do Grove Noel Domínguez disputa hoxe a final do C2 1.000 co pontevedrés Martín Jácome, tras clasificarse na primeira xornada como segundos da súa serie a 1,203 dos italianos Casadei e Tacchini.