«Antes collías catro ferros e montabas un coche para correr, agora piden moito papeleo»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

MONICA IRAGO

Con títulos en todas as modalidades, Tino Iglesias é hoxe un referente do automobilismo galego na súa triple condición de piloto e de presidente da escudaría Desguaces Tino Racing e do Rallymix Concello de Ribadumia. «O que aprendín foi a base de golpes», di

05 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Celestino Iglesias Cores (Ribadumia, 14 de marzo de 1972) é ese home que calquera querería ter ao volante en caso de necesidade. A mestura da tranquilidade e do sentido común ao falar do que fala con todo coñecemento explica por que, tras algo máis dun cuarto de século correndo polas estradas e camiños ao longo e ancho de Galicia e de parte de España é hoxe un dos referentes do automobilismo autonómico, con títulos en todas as modalidades. Un currículo dun valor multiplicado polos seus roles tamén de promotor e presidente da súa propia escudaría, Desguaces Tino Racing, e do Rallymix Concello de Ribadumia.

A paixón de Tino Iglesias polo mundo do motor empezou nunha cuneta do máis particular. «O Rali do Albariño pasaba xusto por diante da miña casa cando a estaba a facer», lembra, e, con 20 anos, entroulle polos ollos vendo pasada tras pasada das decenas de coches participantes. Quería vivir aquilo desde dentro. Tocoulle facelo primeiro de copiloto, asistindo ao seu paisano Jaime Castro, dono do desguace no que traballaba. Xuntos, gañaron o Grupo X do Campionato Galego de Ralis de Asfalto de 1996 cun Citröen Visa.

Cunha mili de tres anos á destra do volante, Tino Iglesias pisou o acelerador. Abriu o seu propio desguace e, no 2000, lanzouse a probar na condución. Fíxoo como moitos daquela: «Os dous primeiros coches que tiven, un Peugeot 205 e un Citröen Saxo, fixémolos nós. De coches de calle fixemos coches de carreiras». Porque, conta Tino, «non era como agora. Agora para montar un coche piden moito máis papeleo. Antes, collías catro ferros e montabas un coche para correr. A xente agora fai máis cursos de formación e ten mellores coches. Eu nunca fixen ningún curso. O que aprendín foi a base de golpes», di. E aprendeu ben. Facendo da experiencia a base científica da súa exitosa carreira: «Levo moitos anos, a veteranía lévame a gañar», afirma Tino.

Para o seu bautismo de motor o arousán escolleu, como non, o Rali do Albariño. «No primeiro treito saínme. No segundo, envorquei; tiven sorte, caín nas silvas e conseguín terminar. Pensara que non me marchaba», pero calculara mal, recorda. Unha lección que non tivo que repetir demasiado nos 24 anos que leva pilotando, e que puxo a primeira pedra dos cementos da súa sólida traxectoria.

A nivel galego, atesoura un título de Slalom, un da Agrupación 6 de Montaña, un do volante RACC, dous de Rallymix e media ducia de autocross, modalidade esta última na que suma un subcampionato nacional. O ano pasado conquistou o seu primeiro Campionato de España de Rallycross, competición na que esta temporada avanza segundo, empatado co líder a falta de dúas probas.

A receita dun bo piloto

¿Cal é a receita para ser un bo piloto? Tino Iglesias contéstanos: «Hai que ser moi frío, moi tranquilo, para facer as cousas ben. Moitas veces pensas que vas despacio, pero non vas despacio».

E con estas aptitudes, ¿nunca pensou en facerse profesional? «Non, non, non; sempre corrín pensando en pasalo ben», di o ribadumiense. Como cando fixo a proba de Cataluña do Campionato do Mundo de Ralis no 2012 e no 2013. Unha aventura para a que Iglesias comprou un Ford Fiesta R2 de 200 cabalos, o primeiro dos dous coches que sucederon os seus modelos feito na casa —desde hai cinco anos pilota un Ford Fiesta N5 de máis de 300 cabalos—. «O primeiro ano no Rali de Cataluña quedei segundo da miña categoría, a Agrupación 6, e no segundo primeiro. Foi a carreira na que máis aprendín», confesa. 

Tino ofrécenos outra clave para ter unha frutífera carreira no motor: a complicidade co copiloto. Tras correr cun par de asistentes os tres primeiros anos, leva facéndoo co seu irmán Jorge: «Canto máis coñeces o copiloto, mellor, máis te fías del. Por iso tamén vou moi tranquilo. Se o copiloto se equivoca é un problema, o seu papel é moi importante».

Hai un ano, a Tino Iglesias tocoulle vivir a experiencia máis dura da súa vida. Tinín, o seu fillo e piloto coma el, e Bárbara Gómez, parella e copiloto do vástago de Tino, sufrían un accidente en carreira. Bárbara faleceu e Tinín inda segue hoxe recuperándose. «Foi moi duro. Bárbara sempre estará con nós, como unha máis da familia», conta o piloto de Ribadumia. «Son cousas que nunca pensas que che poden pasar a ti, pero poden pasar»; non pola perigosidade do automobilismo, senón, remarca, pola mesma probabilidade de sufrir un accidente de tráfico con calquera outro vehículo. Porque, defende, «o noso deporte é un deporte seguro, no que hai moita seguridade. Pero por moita seguridade que haxa, pode haber algo que se escape» nalgún momento de fatalidade.

A gran familia da que Bárbara formará sempre parte vai máis aló da casa dos Iglesias. Esténdese á escudaría Desguaces Tino Racing que o seu promotor montou no 2010 con quince pilotos, e que hoxe suma medio cento de condutores e de copilotos de todas as modalidades. Unha iniciativa que Tino considera un acerto pleno, e non só polo grao de camaradería xerado entre o seus integrantes: «O nome do desguace aparece en todas as listas de inscritos nas carreiras e dálle moita publicidade ao negocio; coñéceo moitísima xente por iso, non só de Galicia, de toda España».

A nostalxia polo agasallo á afección que era o desaparecido Rali do Albariño levou a Iglesias a achegar o seu ata o momento último gran de area ao mundo do automobilismo. O mes pasado celebrábase a terceira edición do Rallymix Concello de Ribadumia, modalidade única en Galicia que mestura asfalto e terra nun único treito ao que se dan cinco pasadas en dous días, convertida na favorita de Tino. A súa satisfacción, ver 103 pilotos na saída de Ribadumia, récord dunha proba nos dez anos da modalidade de rallymix.