Ribadumia deberá indemnizar a unha ex traballadora con 30.100 euros y Somos acusa ao alcalde de gastar cartos públicos en «guerras persoais»

La Voz RIBADUMIA

RIBADUMIA

Concello de Ribadumia
Concello de Ribadumia MARTINA MISER

O Concello recorreu unha sentenza favorable á muller en contra do que fixo a Seguridade Social e a Mutua, segundo a oposición

10 ene 2025 . Actualizado a las 13:17 h.

O Concello de Ribadumia foi condenado a pagar 30.100 euros de indemnización a unha ex traballadora municipal «á cal o señor Castro [alcalde de Ribadumia] pretendía negarlle o seu dereito a unha pensión, primeiro, e unha indemnización, despois, motivadas por accidente laboral», segundo informa Somos Ribadumia a través dun comunicado de prensa.

«David Castro segue acumulando paus xudiciais nas súas guerras persoais. Recorreu no xulgado unha sentenza favorable a esta traballadora —en contra do que fixo a Seguridade Social e a Mutua— coa intención de que se denegara o dereito a que se lle recoñecera unha incapacidade permanente, o cal afectaba directamente e nunha cantidade importante ao importe da pensión desta muller», abundan desde Somos Ribadumia.

«Castro perdeu esa batalla xudicial e todos os recursos que presentou, todo elo pagado con fondos públicos. Posteriormente a traballadora reclamou o seu dereito a percibir unha indemnización recollida no convenio. O Concello presentou alegacións contra esa reclamación e fai unhas semanas, concretamente o 26 de novembro, o xulgado do social número 2 de Pontevedra ditou sentenza dando a razón á traballadora, condenando ao Concello a pagarlle unha indemnización de 30.100 euros. Non só iso, a propia sentenza establece que, tal como dende o noso partido informamos fai meses, o Concello non contaba no seu momento co seguro obrigatorio que debería facerse cargo deste tipo de indemnizacións polo que o Concello».

Somos Ribadumia acusa ao Concello de «dilapidar cartos públicos» en litixios. «Pero incluso pasando os personalismos de David Castro por alto, a realidade é que no xulgado non dá unha, pois leva perdida a práctica totalidade dos procesos xudiciais nos que se veu inmerso o Concello dende o ano 2017». Segundo os seus datos, o bufete que leva os asuntos municipais leva ingresados 50.000 desde 2019 á espera de aprobarse as contas de 2023 e 2024.

«Dende Somos Ribadumia instamos a David Castro a que deixe de usar os recursos do Concello para dirimir as súas cuestións persoais, que abandone esa dinámica de atacar aos traballadores e traballadoras que non lle rían as grazas e de levar ao xulgado a calquera que non sexa do seu agrado».

O grupo da oposición realiza estas declaracións un día despois de que o seu exconcelleiro, Enrique Oubiña, tivese que declarar nos xulgados de Vilagarcía en calidade de investigado logo de que David Castro o sinalara como sospeitoso de ter relación co perfil falso en Facebook David Vendido.