
«Conto do Entroido» presenta unha sesión de narración oral chea de humor
19 feb 2025 . Actualizado a las 11:48 h.O Entroido de Ribadumia ofrecerá este ano unha actividade especial. O auditorio municipal acollerá o contacontos «Conto do Entroido», unha proposta chea de maxia e tradición da man de Manuela Contacontos. A cita terá lugar o domingo, 23 de febreiro, ás 19 horas. Este espectáculo afonda na figura dos peliqueiros e noutras máscaras tradicionais do Entroido galego, como os choqueiros, cigarróns, pantallas, felos e folións.
A través dunha sesión de narración oral chea de humor e emoción, os asistentes seguirán a historia de Antela, unha pequena que sente medo dos peliqueiros que aparecen na súa vila nestas datas festivas. Ao longo do relato, irá descubrindo a riqueza desta tradición ata que, finalmente, acaba por converterse nunha auténtica peliqueira, mantendo viva a herdanza familiar.