O Arousa Fútbol 7 pecha a inscrición da súa fase previa con case dous meses de antelación
RIBADUMIA

O Concello de Ribadumia confía en superar as 700 persoas que durmiron na bisbarra durante os días de celebración da edición do ano pasado
27 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Ribadumia informou onte de que a fase previa do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 vén de completar as súas 80 prazas con case dous meses de antelación. É máis, xa son seis os equipos que figuran nunha lista de agarda, por se acaba aparecendo algunha vacante que poder ocupar de aquí á vindeira Semana Santa, co campionato ocupando as súas habituais datas en dúas quendas: o Xoves e Venres Santo, desta volta os días 17 e 18 de abril, e o Sábado Santo e Domingo de Resurrección, 19 e 20, no Complexo Deportivo Municipal da Senra.
A rapidez á hora de encher as prazas ofertadas pola asociación homónima que organiza o Arousa Fútbol 7 vese repetindo desde hai moitos anos, reflectindo a importancia que moitos clubs modestos lle outorgan á cita. E iso, polos catro pasaportes en xogo para a fase final, este ano programada para o 30 e 31 de maio e 1 de xuño, con varias das canteiras máis poderosas do balompé español e europeo en acción. De aí que, entre os 80 equipos inscritos na previa, figuren non só galegos, senón tamén de Asturias, Castela-León, Cantabria, Canarias e Portugal, desde o Racing de Ferrol á Gimnástica de Torrelavega, pasando polo CD Quirinal, o Atlético Perinés, o Lanzarote ou o EF Hernani Gonçalves.
Desde o Concello, colaborador do evento, confíase en superar este ano as 700 persoas que no 2024 durmiron na bisbarra do Salnés os días da fase previa para poder seguir un torneo con 1.300 xogadores.