Ribadumia denuncia os actos vandálicos na contorna da escola infantil

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

RIBADUMIA

Concello de Ribadumia

Ocorreron a pasada fin de semana, segundo comunicou o Concello

12 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen quere facer mal, sempre atopa o xeito. A pasada fin de semana, en Ribadumia, persoas sen identificar polo momento procederon a causar destrozos no entorno da escola infantil municipal. Trátase, segundo manifestou o Concello a través dun comunicado, duns «feitos inxustificables que supuxeron a destrución de materiais empregados nas obras de mellora que se están a levar a cabo no centro, así como danos na maquinaria utilizada polos operarios e situada nas inmediacións do edificio». O goberno local fixo público a súa máis enérxica condena a comportamentos coma os que levaron a esta desagradable situación.

O equipo de David Castro (PP) sinala que as obras que se están executando, e que se van ver retrasadas, teñen como obxectivo reducir o consumo enerxético da instalación educativa, mellorar o confort termoacústico da rapazada e da comunidade educativa e eliminar os riscos de desprendementos ou filtracións, ao tempo que se renova o aspecto exterior do centro. «Uns traballos destinados a garantir o benestar da cativada usuaria e a eficiencia das instalacións municipais», resume o executivo local.

Segundo sinalan dende o Concello, este tipo de actos vandálicos non son feitos extraordinarios na vila. «Lamentablemente, o acontecido esta fin de semana non son illados, xa que esta zona xa ten rexistrado accións similares de forma reiterada, o que incrementa a preocupación do Concello polo mantemento e a seguridade deste espazo público».

Neste sentido, o Concello de Ribadumia está en contacto coa Garda Civil e as autoridades competentes para avanzar nas medidas que permitan evitar este tipo de comportamentos incívicos. «Ao mesmo tempo, dende o goberno municipal facemos un chamamento ao respecto polos bens públicos e á implicación da cidadanía para coidar entre todos os espazos comúns», din. Recalcan que preservar as instalacións municipais en bo estado «é responsabilidade de todos e todas, e só a través do civismo e a conciencia social se poderá manter Ribadumia como un lugar coidado, seguro e agradable para vivir», segundo recalcan no comunicado de prensa remitido aos medios.