
A dobre final disputaráse este sábado no campo da Senra
19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O complexo deportivo municipal de A Senra, en Ribadumia será, este sábado, o escenario da disputa da Copa Xunta de Galicia de Chave e de Billarda. Na cita participarán integrantes dos mellores equipos dos últimos anos da federación galega que aglutina ambos os dous deportes tradicionais galegos. Falamos do Ans, gañador da Liga do 2024 e defensor do título na Copa Xunta de Galicia, e do San Cristóbal, actual campión da Liga, título que defenderá na vindeira edición do torneo da regularidade.
A gran cita foi presentada na mañá deste xoves sobre o céspede do campo de herba natural do complexo deportivo municipal da Senra. Un acto que contou coa presenza do alcalde de Ribadumia, David Castro, co coordinador da área de deporte escolar do Servizo Provincial en Pontevedra, Guillermo Reinaldo, e co presidente da Asociación Cultural-Deportiva Billarda Rías Baixas, Xan Rodiño.
O programa de competición arrincará mañá ás 16.30 coa final da Copa de Billarda. Unha hora máis tarde está previsto o inicio da disputa polo título da Copa División de Honra de Chave. A competición poderá seguirse en directo a través da web da TVG.