A selección española sub-17 ofrece dous adestramentos abertos ao público en Ribadumia e na Illa
RIBADUMIA
O combinado que dirixe Sergio García mediráse o xoves e o domingo ao da República Checa
12 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A selección española de fútbol sub-17 chegou este luns a Sanxenxo, localidade que lle servirá de base durante toda a semana para a concentración de traballo que durante sete días programou o corpo técnico que dirixe Sergio García na comarca do Salnés, cos concellos de Ribadumia e da Illa de Arousa tamén en axenda.
Tras completar con pleno de vitorias a súa participación na rolda 1 do Campionato de Europa da categoría e avanzar á seguinte fase, o combinado hispano ten en carteira dous partidos de preparación esta semana fronte ao equipo nacional da República Checa. Mañá xoves, desde as 17 horas, no campo de Baltar, en Portonovo. E na mañá do domingo, a partir das 11 no Novo San Pedro de Vilalonga.
A Real Federación Española de Fútbol ofrécelle á afección a posibilidade de ver como traballan os 23 pupilos baixo dirección do seleccionador español sub-17. Onte, desde as 18 horas, no céspede do campo natural da Senra, en Ribadumia. E este venres, desde as 11.30 no do Salvador Otero da Illa de Arousa. España traballará tamén hoxe, no Novo San Pedro (17.30 horas), e o sábado, de novo no Salvador Otero (11.30), pero por tratarse das vésperas dos dous duelos amigables, ambas as dúas sesións faránse a porta pechada. Entre os 23 elixidos por Sergio García figura o centrocampista do Celta de Vigo Mateo Sobral, con media ducia de futbolistas do F.C. Barcelona, tres do Real Madrid e outros tantos do Atlético de Madrid e deportistas de 13 clubs diferentes.
O combinado checo, pola súa banda, adestrará o xoves ás 10.15 no Novo San Pedro, o venres desde as 16 horas na Senra e o sábado a partir das once en Baltar.