Valga contará cun novo obradoiro de emprego para mozos de forestal e albanelaría financiado pola Xunta
VALGA

Terá unha duración de doce meses e será compartido, como vén sendo habitual, con Moraña
15 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, vén de aprobar unha subvención duns 425.000 euros para a posta en marcha dun novo obradoiro de emprego conxunto para os concellos de Valga e Moraña e dirixido a persoas de entre 16 e 30 anos que poderán formarse nas especialidades de forestal e albanelaría.
O obradoiro terá unha duración de 12 meses e poderán participar un total de 16 mozos e mozas que se atopen en situación de desemprego. Para inscribirse, as persoas que queiran optar ás prazas deben acceder ao Servizo Público de emprego nos módulos Forestal: AGAR0208 e Albanelería: EOCB0108. O obxectivo do programa é mellorar a empregabilidade dos participantes mediante a impartición de formación profesional en cada unha das especialidades elixidas. Esta parte teórica complementaráse con prácticas profesionais que consistirán na realización de obras de interese público e utilidade pública.
Obras en Valga
En Valga as obras a executar incluirán o mantemento, acondicionamento e mellora do Camiño Portugués e de áreas de lecer coma Mina Mercedes, Porto Piñeiro, a praia fluvial de Villarelo, o monte de Beiro ou o Parque Irmáns Dios Mosquera. Ademais, está previsto actuar nalgúns dos muíños tradicionais existentes no municipio e mellorar a sinalización da Ruta Mariana.
Desde o concello valgués argumentan que, deste xeito, os participantes terán unha cualificación profesional que favorecerá a súa inserción no mercado laboral, xa que ademais da ensinanza teórica, coas obras que realizarán os alumnos adquirirán a experiencia necesaria para ser máis competitivos á hora de atopar un posto de traballo.