A astrofísica galega da NASA Begoña Vila abre a convención de profesores de ciencias en Valga
VALGA
O congreso reúne no instituto do municipio arousán a douscentos docentes chegados dende toda Galicia
15 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (Enciga) é un colectivo de profesores que se marca como obxectivo a mellora da calidade do ensino nas áreas de matemáticas, ciencias e tecnoloxía, principalmente nos niveis non universitarios. Dende onte e ata o sábado, a entidade reúne no IES de Valga a douscentos docentes —principalmente de Secundaria, pero tamén de Primaria e a universidade— que participan no seu congreso. Desta volta, cunha madriña excepcional: a astrofísica da NASA Begoña Vila Costas, que pronunciou a conferencia de apertura, titulada A exploración espacial: ensinándonos o universo.
Nada en Vigo en 1963, Vila está especializada no estudo de galaxias espirais e ten recibido múltiples recoñecementos, incluíndo dúas medallas da NASA, onde é a enxeñeira principal de sistemas do centro espacial Goddard, o premio Wonenburger da Xunta e o premio Galego do Ano, e figurou na lista Forbes das cen mulleres máis influentes en España nos anos 2022 e 2023, ademais de ser nomeada embaixadora honorífica da Marca España en Ciencia e Innovación no 2022.
A astrofísica visitou o Concello en compaña de Eliseu Mera e Ana Bueno, director e vicedirectora do instituto, asinou no libro de ouro e agasallou ao alcalde, José María Bello Maneiro, unha insignia co telescopio espacial James Webb, posto que ela foi a encargada de dous dos seus instrumentos. Ademais de Vila, participarán coma conferenciantes nesta edición da convención Xabier Cid Vidal sobre o CERN, Susana Ladra sobre a intelixencia artificial e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.