![](https://img.lavdg.com/sc/O-T2XcdcIYWLvoZMxP6D19UGnzE=/480x/2024/12/23/00121734979443724219776/Foto/valga2.jpg)
O Concello subliña que as obras continúan ao ritmo previsto
24 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.As obras da nova subestación eléctrica de Valga, situada na Medela (Xanza), avanzan segundo o previsto co obxectivo de mellorar a calidade da subministración no municipio e garantir potencia suficiente para as necesidades industriais actuais e futuras. Este proxecto busca asegurar unha infraestrutura adecuada para o polígono industrial proxectado na Medela, ademais de dar resposta ás demandas de potencia da planta de Extrugasa en Campaña.
A nova subestación permitirá reforzar a rede eléctrica local e rexional, dotándoa dunha maior capacidade para afrontar o crecemento da actividade económica e asegurar a continuidade da subministración. Conectarase á liña de interconexión das subestacións de Padrón e Tivo (Caldas) a través dunha liña eléctrica de 50 metros.
Para impulsar esta infraestrutura clave, o Concello de Valga asinou un convenio con Extrugasa e Fenosa, que asumirá a explotación da subestación unha vez rematen as obras. O acordo garante tamén o apoio económico necesario para levar a cabo o proxecto, fundamental para o desenvolvemento industrial da zona.
O Concello e a Consellería de Industria formalizaron un convenio que permitirá un investimento de 735.147 euros ao longo do próximo ano. Enmárcase nunha subvención total dun millón de euros concedida pola Xunta para a execución da obra. A empresa Elecnor, encargada dos traballos, prevé finalizar a subestación a mediados de 2025. Esta infraestrutura, asegura o Concello, beneficiará ás empresas locais e suporá un pulo para atraer novas iniciativas empresariais.