![](https://img.lavdg.com/sc/Aa2-hTMzaXQmXCZH0atcwXEK6QI=/480x/2025/02/14/00121739563921635770475/Foto/B21J2034.jpg)
Presentarán unha moción no vindeiro pleno
15 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O BNG de Valga proporá, a través dunha moción que presentará no próximo pleno, que o Concello realice unha homenaxe institucional a todas as cantareiras da localidade co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas deste ano a este colectivo. As mulleres que transmitiron a poesía popular oral, tiveron moita importancia no conxunto de Galicia e tamén en Valga. Sinala o BNG que «sobre todas as cantareiras valguesas destacaron as Pandereteiras de Moldes, que continuaron tocando ata ben entrado o presente século». Indican os nacionalistas que «entre todas as que chegaron a formar parte do grupo destacan as irmáns Maruja e Olga Tarrío, que entoaron coplas tradicionais boa parte da súa vida». Ademais, encargáronse de transmitir boa parte do seu saber a quen ía tras delas, facilitando o traballo de estudosos do canto e da pandeireta. Sinalan dende o BNG que «outras cantareiras que deixaron un forte recordo na memoria colectiva foron Clara campaña, A Caldeireira; Dolores Pena; Asunción Dina; Rosa de Lema; Ester do Piloto; Lola de Quinteiro, Maruja da Pena; Rosa de Quinteiro; Manuela a do Rubio; as irmáns María e Alcira de Cerneira; Asunción Castroagudín ou Elena Seoane. A todas elas, por manter a tradición oral ao longo dos anos, quere o BNG renderlles homenaxe.