Valga opta polas madreselvas para dar sombra e adornar Mina Mercedes

La Voz VALGA

VALGA

Traballo do obradoiro de emprego en Mina Mercedes
Traballo do obradoiro de emprego en Mina Mercedes

Os traballos de plantación corren por conta do obradoiro de emprego

19 feb 2025 . Actualizado a las 15:37 h.

O Concello de Valga, a través do obradoiro de emprego, continúa a facer traballos de acondicionamento e posta a punto de zonas verdes e áreas de lecer do municipio mediante a realización de rozas, limpezas e novas plantacións coma a que se está a realizar na Mina Mercedes. Estanse a incorporar novos exemplares e especies á plantación de froiteiras iniciada o ano pasado para completala e repoñer algunha das árbores que non arraigaron. Elixíronse para iso amendoeiras, abeleiras e nogueiras. En total, oito plantas ás que se engadirán vinte dous exemplares de madreselva.

A maior parte delas estanse a plantar aos pés da pérgola de madeira que se instalou fai uns meses para que, cando medren, fagan sombra sobre as mesas e bancos. Esta especie con flores de varias cores cumpre, ademais, outra función, xa que repele aos insectos e tan só permite a polinización de bolboretas. As madreselvas tamén se plantarán xunto a randeeira colocada fronte á lagoa, coas mesmas funcións: ornamental e crear sombra neste espazo natural e de lecer.

«Debido a que o chan da Mina Mercedes está compactado debido aos recheos e é moi inorgánico, para facer os buratos para a plantación empregouse unha barrena manual para chegar máis fondo e poder aportar maior cantidade de terra vexetal e substrato, co obxectivo de que as plantas conten con mellores condicións para arraigar. En todas elas se colocaron, ademais, titores para que medren rectas e protectores antifauna», segundo informa o Concello de Valga.