Eliminan dous puntos contaminantes procedentes de vivendas de Valga

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

MARTINA MISER

A orixe de ambos focos eran dous vertidos de augas pluviais con aportes contaminantes procedentes de casas de Setecoros e Xanza

14 abr 2025 . Actualizado a las 16:46 h.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente dous puntos de vertido de carácter municipal no concello de Valga. O persoal do Programa de Control de Vertidos detectou ambas incidencias no transcurso dos labores rutineiros que realiza para o control de posibles aportes contaminantes dentro do termo municipal.

A orixe de ambos focos eran dous vertidos de augas pluviais con aportes contaminantes procedentes de varias vivendas das parroquias de Setecoros e Xanza, polo que se instou aos veciños con conexións incorrectas a acometer as saídas das súas augas residuais cara á rede de saneamento ou sistemas de depuración particulares, segundo informa a consellería.

Nunha nova inspección xirada á zona, o técnico do PCV comprobou que se emendaran os dous puntos de vertido e constatou a ausencia de contaminación nas redes de pluviais coa realización das analíticas correspondentes.