Valga acolle a presentación de «Galiza S.A.», gañadora do Premio Xesús Ferro Couselo 2024
VALGA

A obra do antropólogo Xerardo Pereiro explora a identidade de Galicia
04 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Museo da Historia de Valga acolleu onte a presentación do libro Galiza S.A. Antropoloxía dos discursos sobre as identidades galegas, obra do antropólogo portugués Xerardo Pereiro e gañadora da XXV edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, que se fallou en 2024. Ao acto asistiron o propio autor, o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e o técnico municipal Santiago Chenlo.
O libro realiza unha profunda análise dos discursos, relatos e representacións sobre a identidade galega desde distintas perspectivas, abordando cuestións como a instrumentalización e mercantilización da identidade, así como a súa evolución na era da globalización.
O autor explicou que este estudo foi froito de case catro anos de traballo, cunha orixe que se remonta varias décadas atrás, cando lle preguntaron que era o que achegaba Galicia ao mundo e á cultura global.
A partir dese momento, Pereiro desenvolveu unha análise que percorre a historia da identidade galega dende o século XIX ata a actualidade, estudando figuras como Manuel Murguía e a Xeración Nós, así como fenómenos actuais como a globalización capitalista, que converte a identidade nun recurso mercantil.
Trátanse tamén temas como a cultura galega como dereito e a influencia das novas tecnoloxías.
Xerardo Pereiro mostrou o seu orgullo polo recoñecemento que supón o Premio Xesús Ferro Couselo, destacando o seu prestixio no ámbito das ciencias sociais e humanidades e a súa contribución ao fomento da investigación sobre Valga e Galicia.
Pola súa banda, o alcalde José María Bello Maneiro felicitou ao autor e aproveitou para reivindicar a figura de Xesús Ferro Couselo, precursor da Real Academia Galega e impulsor do Día das Letras Galegas, así como outros persoeiros locais como o Padre Isorna.
O acto contou tamén coa presenza no Museo da Historia de Valga de Lois Ladra, director do Museo do Pobo Galego e antigo galardoado co Premio Ferro Couselo.